Julio Torrado sinala á falla de médicos e á precariedade como principais problemas da sanidade pública e acusa á Xunta de pagar o canon do Álvaro Cunqueiro “co diñeiro que lle quitan aos profesionais” sanitarios
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que poña en marcha un Plan de choque para reducir a eventualidade no Sergas por debaixo do 8 pro cento. O portavoz de Sanidade, Julio Torrado, saudou o “cambio de postura” no PP e reclamoulle á Xunta que cumpra co acordo e demostren que “aceptan a realidade da situación da sanidade pública”.
O responsable socialista situou á xestión dos recursos humanos por parte do Sergas no eixo do déficit de médicos e precariedade que están a xerar os problemas de atención sanitaria en Galicia, mentres o goberno galego ten que pagar o canon do Hospital Álvaro Cunqueiro “co diñeiro que lle quitan aos profesionais” sanitarios. Aludiu así ao sobrecuste de 20 millóns de euros que o goberno galego terá que pagarlle á empresa privada que xestiona o centro, como foi publicado hoxe.
Acusou aos responsables sanitarios de ser “cicateiros” e de “recortar onde non deben, quitándolles condicións ao mellor do sistema sanitario, que son os profesionais” para despois pagarlle “alegremente” a “empresas privadas” polas “decisións erradas”. Aludiu así á decisión do PP de contratar a construción do HAC cun modelo de participación público – privada, polo que terán que pagar un canon máis caro do que custaría a construción do centro con cargo aos fondos públicos.
Por decisións deste tipo, dixo, Galicia está entre as 3 comunidades autónomas con peor salario do Estado, e a que ofrece as peores condicións nos primeiros contratos aos médicos residentes, segundo os datos que lle envía a Xunta ao Ministerio de Sanidade. Criticou que a Xunta faga da eventualidade a norma na sanidade pública, chegando a que o 35 por cento das enfermeiras teñen contratos temporais, chegando a asinar 200 contratos nun ano para a mesma persoa.
O responsable socialista comparou estas condicións coas ofertas de traballo en distintos destinos comunitarios que están a contratar aos profesionais galegos aproveitando a súa formación e as baixas condicións laborais. Esta situación provoca un déficit na xestión asistencial que ten situado á atención primaria “na situación máis crítica que nunca”, con esperas “interminables” e que fan que o dereito á atención sanitaria no sistema público “non está garantida”.
Acordo
Torrado saudou o “cambio de postura” do PP, que logo de anos negando a realidade hoxe votou a favor de reclamar un plan de choque que sitúe a eventualidade por debaixo do 8 por cento, garantindo a contratación dos substitutos polo tempo completo da baixa do persoal titular. Tamén pide estender a carreira profesional a todo o persoal sanitario ou ampliar o volume de oferta pública de emprego para profesionais destinados ao sistema público.
Tamén reclama ampliar a 3 anos a oferta de contratos de continuidade para facultativos, estendendo o formato a outras categoría laborais, sinaladamente enfermaría. O acordo inclúe pedirlle á Xunta que elabore e lle remita ao Parlamento en menos de 2 meses un informe sobre a situación laboral do persoal sanitario por áreas sanitarias e categorías laborais.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a: