Leticia Gallego urxiu a necesidade de “formar á cidadanía en xeral” en ciberdelicuencia, xa que este “é un problema que temos como sociedade e é o noso deber poñer todos os medios posibles para que o seu impacto na cidadanía sexa o menor posible”
O Parlamento de Galicia vén de aprobar a iniciativa socialista para urxir ao goberno galego a tomar medidas en materia de ciberseguridade para pemes e pequenos concellos. Ocorreu hoxe na Comisión de Industria do Parlamento onde os tres grupos votaron por unanimidade tres puntos da proposición non de lei cuxo texto foi transaccionado entre os grupos.
“As taxas de ciberdelincuencia disparáronse ata o 71% no ano 2021 en Galicia”, alertou a dirixente socialista, quen remarcou que as pemes son “as grandes expostas á desprotección”, ao igual que os pequenos concellos, xa que “non teñen capacidade para xestionar axeitadamente” este asunto. E máis cando, incidiu, “un de cada catro delitos cometidos o pasado ano foron estafas cometidas con medios telemáticos”.
“O mundo está en plena transformación dixital, como resultado da aparición e implantación dun amplo conxunto de tecnoloxías que están provocando e provocarán grandes cambios na actividade produtiva da maioría dos sectores económicos, contribuíndo a reforzar a súa competitividade e potenciar o desenvolvemento e, a súa vez, este mundo dixital fai que as estafas tradicionais se volveran en estafas dixitais, en ciberdelincuencia”, incidiu Gallego.
Neste marco, sinalou Gallego, un dos “principais retos” é “chegar a cidadanía, ao tecido empresarial das pemes e aos pequenos concellos”, así como “cubrir a falla de profesionais e técnicos con experiencia que padece actualmente o sector”.
Con todo, a socialista destacou que é necesario “formar á cidadanía en xeral”, xa que este “é un problema que temos como sociedade e é o noso deber como representantes do pobo poñer todos os medios posibles para que o seu impacto na cidadanía sexa o menor posible”.
Porén, Gallego instou á Xunta a elaborar medidas en ciberseguridade para pemes galegas e pequenos concellos ante unha “desprotección real” fronte a ciberdelicuencia. Ademais, pediu incorporar na Estratexia Galega de Ciberseguridade plans de formación “contando co tecido empresarial e coas universidades”, así como a sensibilizar na Educación Secundaria sobre as saídas laboral do sector.
“A formación en ciberseguridade ten que extenderse a toda a sociedade, as novas tecnoloxías evolucionan moi rápido e todos nós temos que adaptarnos e saber protexernos antes estes novos delitos”, concluíu a socialista.