Julio Torrado critica as “promesas que non valen nada” da Xunta, xa que “leva anos anunciando” melloras en saúde mental, pero “cando hai que executar, non fan nada”
O acordo urxe ao goberno galego a arranxar en 6 meses os “graves problemas” do Psiquiátrico de Conxo e a acordar coa FEGAMP un mecanismo para incorporar ao Sergas aos profesionais de saúde mental dependentes das administracións locais
O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Socialista para instar á Xunta a desenvolver de maneira “efectiva e real” o Plan de Galego de Saúde Mental, comprometéndose a desenvolver un plan de contratación de persoal sanitario en saúde mental con 120 novas prazas antes da fin de 2021 para incorporar a profesionais de psiquiatría, psicoloxía clínica, traballadoras sociais, enfermeiras especialistas, técnicos auxiliares e terapeutas ocupacionais.
Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, trala presentación dunha moción por parte do voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, que foi aprobada por puntos. O socialista alertou de que “2 de cada 3 persoas, durante a súa vida, teñen un problema de saúde mental” cando en Galicia “temos a peor ratio de profesionais de toda España e unha media de agarda superior aos 4 meses, citas que logo duran só uns 5 minutos”.
“Isto provoca que poidamos afirmar, tristemente, que a saúde mental non é un dereito garantido na saúde pública en Galicia”, xa que “é un servizo privatizado de facto”, pois “ninguén pensa en ir a un psicólogo da Seguridade Social se ten un problema de saúde mental”, sinalou deputado.
Nesta liña, alertou de que “Galicia é o primeiro lugar de España en consumo de ansiolíticos” e tamén de que “en Galicia falecen cada ano o dobre de persoas por suicidio que en accidentes de tráfico, sendo a comunidade autónoma cos peores datos da última década”. “Temos un sistema que non atende ás necesidades que temos en saúde mental”, asegurou, o cal “é un problema gravísimo”.
A “GRAVE SITUACIÓN” DE CONXO
Neste eido, o voceiro socialista alertou, unha vez máis, sobre a situación que está a vivir o Hospital Psiquiátrico de Conxo, cuestión que o Grupo Socialista xa levou ao Parlamento no ano 2018 e cuxas “graves deficiencias” foron denunciadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura. Así, subliñou, “hai xente que leva alí 30 anos sen que ninguén sexa quen de validar se debe seguir aquí. É 2021 e ocorre aquí, a 3 quilómetros”.
“Ninguén fixo nada e traemos esta proposta porque cremos que por riba doutras cuestións, isto é urxente, importante e decente. Fágano, por favor”, urxiu Torrado. “Non é aceptable a situación que está a vivir este hospital”, sentenciou.
Neste senso, o acordo urxirá ao goberno galego a arranxar nun prazo de 6 meses os “graves problemas” de Conxo, así como a acordar coa FEGAMP un mecanismo para incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental dependentes das administracións locais “para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria”.
Ademais, a través da moción, instarase tamén ao goberno galego a dotar dos medios axeitados para pór en funcionamento a unidade de psicoxeriatría na área sanitaria de Ourense no ano 2021.
“PROMESAS QUE NON VALEN NADA”
“O PP promete moi ben, pero cumpre moi mal e isto supón un problema”, censurou o responsable socialista, quen criticou as “promesas que non valen nada” da Xunta, xa que “leva anos anunciando” melloras en saúde mental, pero “cando hai que executar, non fan nada”. “Anuncian persoal, pero non cumpren; anuncian unidades infanto-xuvenís, pero non cumpren; anuncian melloras para Conxo, pero non cumpren”, sentenciou.
Así, lembrou a “prometida” unidade infanto-xuvenil de Vigo, anunciada en 2015; ou as “prometidas melloras” no Hospital Psiquiátrico de Conxo comprometidas hai 4 anos, que seguen sen levarse a cabo.
OS VETOS DO PP ÁS MELLORAS EN SAÚDE MENTAL
Finalmente, o PP vetou a posta en funcionamento dunha unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo “como referencia para o sur de Galicia” e fixar unha comisión de seguimento que integre ás organizacións sindicais e aos representantes dos colexios oficiais implicados nos servizos de saúde mental.
Ademais, os populares votaron en contra de promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria, unha cuestión “fundamental para conseguir que sexamos máis proactivos e efectivos”, segundo sinalou Torrado.