A comparecencia do ex secretario xeral do Sergas na comisión de investigación sobre a contratación da Xunta puxo en evidencia que a execución do Cunqueiro, prevista para 35 meses, tardou case dous anos máis sen que se penalizase á empresa responsable das obras
Elena Espinosa sinalou que da declaración se desprende que os cambios sobre o proxecto básico, e o que é máis grave, sobre o adxudicado, que realizou o PP xa fan imposible rematar cos déficits asistenciais estruturais que se ían solucionar co modelo do Goberno de Touriño
A comparecencia do ex secretario xeral do Sergas ante a comisión de investigación sobre a contratación da Xunta, na noite do pasado xoves, puxo de manifesto unha vez máis as múltiples deficiencias na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro. A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego Elena Espinosa sinalou que o “minucioso relato” de Cayetano Rodríguez Escudero evidencia que o PP decidiu executar o proxecto “baixo o modelo menos axeitado para o momento e da peor forma administrativa, económica e de lexitimación social do investimento”. Esas foron, lembrou a deputada do PSdeG, as palabras exactas do comparecente.
En contra do manifestado dende o PP, nesa sesión quedou claro que, tal como consta no informe da consultora que analizou o modelo para poñer en marcha o novo hospital de Vigo, a opción elixida polo Goberno do socialista Emilio Pérez Touriño “non consolidaba” nas contas da Xunta. É dicir, levantar o complexo a través da Sociedade Pública de Investimenos, tal como se planeaba, non afectaría á débeda da Xunta.
Polo tanto, a conclusión é que o modelo que elixiron os populares non era, como eles din, o único posible. Ao contrario, “había dúas posibilidades máis para poder realizar o hospital”.
“Aspectos dubidosos e inquietantes”
Coa entrada do PP no Goberno galego, Núñez Feijoo decidiu desmantelar a planificación para o Álvaro Cunqueiro e levantar o hospital con financiamento privado (PFI), “baixo o modelo menos axeitado para o momento e da peor forma administrativa, económica e de lexitimación social do investimento”. Segundo o comparecente, esa é unha afirmación “á luz das evidencias”, deixando xa a un lado “aspectos dubidosos e inquietantes” na tramitación administrativa do proxecto.
Segundo destacou Espinosa, Rodríguez explicou que “por frear o modelo aprobado polo Goberno de Pérez Touriño, o novo hospital de Vigo, en vez de iniciar a súa actividade no ano 2013, como estaba previsto, non se puxo en marcha ata o ano 2015”. Mentres o PP aseguraba que se respectaban os prazos de construción, “a evidencia é que, en lugar de executarse en 35 meses, tardou 55, e dicir, 20 meses máis, sen que se penalizase á parte responsable”, a sociedade encargada das obras.
O comparecente tamén afirmou que está demostrado que se produciron “cambios non só sobre o proxecto básico, senón, o que é gravísimo, sobre o adxudicado”. O resultado, que debido aos recortes que implicaron esas modificacións “xa é imposible rematar cos déficits asistenciais estruturais que se pretendían eliminar co proxecto” orixinal.
“Problemas de calidade” derivados do modelo PFI
A viceportavoz socialista chamou a atención sobre outro dos aspectos que Rodríguez explicou respecto do modelo elixido pola Xunta do PP. “Os problemas de calidade están na orixe de por que nós non tomamos a opción da PFI. As inspeccións realizadas dan conta de serios problemas de calidade na inmensa maioría dos proxectos” que se implementan baixo ese réxime.
No caso do centro hospitalario vigués, “cúmprese este preocupante risco”, asegurou o comparecente, que indicou que así consta “no informe de maio de 2012 do xefe de servizo de obras e supervisión de proxectos, no que, ao longo de 57 páxinas, fai unha serie de obxeccións graves respecto da diminución de superficies, seguridade e calidade de moitos dos elementos esenciais da construción”.