Paloma Castro salienta que o 60 por cento das queixas cidadás ante a Valedora ratifican as alertas do PSdeG sobre o deterioro da Sanidade e as Política Sociais
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da Valedora do Pobo, Paloma Castro, dixo hoxe que o informe presentado hoxe no Pleno do Parlamento, correspondente ao ano 2023, “exemplifica perfectamente as carencias de xestión” dos últimos 15 anos de goberno do PP. Castro advertiu que a inmensa maioría das queixas presentadas corresponden á atención sanitaria -45,58 por cento- e política sociais -12,47 por cento-.
Castro explicou que o informe, que chega cun récord de reclamacións atendidas e resoltas, ofrece unha radiografía das consecuencias da política liberal do PP, marcada polos recortes en política social, sanidade ou educación, así como “unha obsesión patolóxica polos axustes acelerados e inequitativos dos déficits públicos”. Subliñou que “este camiño ofreceu malos resultados en canto á actividade económica e efectos devastadores nos niveis de cohesión da nosa sociedade”.
Alerta neste sentido da maioría abafante das queixas relacionadas coa sanidade, que como reflicte a Valedora está a ser un dos principais problemas para os galegos e as galegas. Advirte que a falla de persoal, consecuencia da política de recortes do goberno galego durante máis dunha década, deriva nas esperas na atención primaria, e tamén nas especialidades, xerando un efecto en cadea que colapsa as urxencias e todo o sistema sanitario, con graves consecuencias para a saúde.
As queixas presentadas pola Valedora apuntan á necesidade urxente de aumentar a dotación de recursos tamén en saúde mental, que en Galicia recibe unha atención “claramente ineficiente”, situándose á cola do Estado, e apunta á urxencia da súa “reformulación total”. Tamén sinalou que a xestión de Política Social “á marxe da realidade” deriva nunha xestión “totalmente deficiente” que provoca numerosas queixas das persoas que necesitan maior respaldo da administración.
Paloma Castro subliñou que o informe da unha seria advertencia á Consellería de Educación, que recibiu ata 17 advertencias da Alta Comisionada por negarse a remitir o informe solicitado “nunha clara actitude de non colaboración”. Salientou a necesidade de “reformular o sistema”, danado pola presión dos recortes aos que está sometido polo goberno galego, que pon en serio risco o seu papel fundamental como motor de cambio da sociedade.
Lembrou que o sistema educativo debe basearse no principio de equidade e cumprir “como mínimo” o acordo con algúns sindicatos do ensino para prestar a atención que merecen os alumnos con necesidades especiais, e que incumpren nunha lista interminable de centros en toda Galicia. Sinalou as reiteradas queixas de pais e nais de rapaces con trastorno do espectro autista, que “evidencia que compren programas específicos e coordinados dende as consellerías de Sanidade, Educación e Política Social, comezando pola atención temperá e continuando por unha protección específica”.
Alertou tamén das queixas presentadas á Valedora polo desmantelamento dos servizos de prevención e extinción de incendios por parte do goberno galego, que unidos ao abandono do rural están a xerar unha auténtica “bomba incendiaria de biomasa” no corazón verde de Galicia. Tamén salientou as protestas polas raquíticas políticas lingüísticas da Xunta, que “mentres anuncia o impulso do galego, este é practicamente inexistente na xustiza, ou no eido sanitario é residual”.