Lara Méndez alerta de que o desleixo do goberno galego provocará a perda de un millón de habitantes en Galicia no horizonte do ano 2051
A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle á Xunta que poña en marcha de urxencia un Plan integral de discriminación positiva para reverter o declive demográfico e o despoboamento do rural galego. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento na que alertou de que o desleixo do goberno galego provocará a perda de un millón de habitantes en 2051m segundo as estimacións do IGE.
Alertou da “falta dun modelo de desenvolvemento”, unido aos “escasos resultados das accións” da Xunta, o que fai imprescindible “modernizar os sectores do rural e a aposta decidida por aplicar estratexias transversais que permitan unha maior cohesión económica, social e territorial”. Esixiulle ao goberno galego un plan de choque para garantir que “a cidadanía poida vivir do e no rural, e ademais vivir ben”, porque del “depende o benestar do resto da cidadanía galega”.
Explicou que o rural constitúe hoxe “a despensa da nosa alimentación”, pero “onde non hai médicos, non hai pediatras, non hai colexios, nin gardarías, nin centros de día, non hai residencias, nin supermercados nin entidades bancarias” ademais da falla de conexión dixital que permita o teletraballo. A consecuencia é, dixo, a “perda continua de poboación”, nun territorio que está “cada vez máis despoboado e fragmentado”, con 4.000 núcleos de poboación abandonados.
A responsable socialista reclamou unha acción política transversal de todo o goberno para garantir “comunicacións e iniciativas no eido dos servizos sociais, da sanidade, a educación, a promoción do turismo e a promoción económica”. Alertou da urxencia de poñer en marcha políticas activas para garantir unha renda agrícola que fagan viable a vida no rural, xa que “por cada mozo ou moza que se vai marcha unha familia”.