Paloma Castro empraza a Rueda a amosar publicamente a súa disconformidade coa organización dunha xornada sobre violencia de xénero dixital con cinco homes e só unha muller
A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle ao goberno galego a reforzar as medidas preventivas contra a violencia de xénero logo das cifras reveladas na memoria de actividades que presentou hoxe o fiscal superior de Galicia na Comisión Institucional do Parlamento. A responsable socialista puxo o foco no incremento “inasumible” dos delitos de violencia machista e reclamou o reforzo da protección das vítimas.
Castro trasladou a dor e o apoio dos socialistas galegos á familia e achegados da última muller asasinada en Baiona a pasada semana, que suma a cuarta vítima mortal do terrorismo machista durante este ano en Galicia, “unha cifra terrible só superada no ano 2015”, sinalou Castro. Lembrou que, segundo a Memoria da Fiscalía, no ano 2023 rexistráronse en Galicia 3 mulleres asasinadas, outras 7.438 mulleres vítimas de violencia e 78 nenos e nenas vítimas de violencia vicaria.
Salientou ademais que naquel exercicio rexistráronse 415 sentencias condenatorias por quebrantamento de medidas cautelares nos delitos de violencia contra as mulleres, e foron ditadas 1.299 ordes de protección. Advertiu que estas cifras “inasumibles”, ademais de revelar unha crecente confianza na xustiza, alertan da necesidade de reforzar as medidas de protección das mulleres.
Chamou ademais a “incidir con máis forza na prevención, e isto pasa unicamente pola educación en igualdade”, xa que “mentres non lle deamos á nosa mocidade instrumentos para saber convivir, respectar e loitar contra os bulos e a desinformación que absorben nas redes, o patriarcado seguirá tendo o control e a capacidade de poder asentarse”. Así o dixo antes de alertar do incremento do 34 por cento dos delitos contra a liberdade sexual cometidos por menores de idade.
Reclamoulle ao goberno galego que cumpra coa Lei de Liberdade Sexual e implemente a educación afectivo – sexual na educación obrigatoria como única vía de garantir “principios sólidos de convivencia, respecto e igualdade”.
Na súa intervención, Paloma Castro advertiu ademais que a Memoria da Fiscalía pon de manifesto a “mala xestión” da Xunta en relación a deber de protección dos e das menores, ao permitir que os servizos que se encargan da tutela estean infradotados de persoal, o que fai imposible que asuman a carga de traballo. Isto provoca a redución dun 30,71 por cento nos expedientes de protección a menores e o 28,05 por cento expedientes de garda menos.
Unido ao “intolerable” incremento notable do índice de pobreza infantil en Galicia, evidencia que “a protección dos menores non é unha prioridade do goberno de Rueda”, que carece de “ningún tipo de política” de fomento do acollemento ou adopcións, mentres se negan a poñer medios para a reinserción de menores infractores ou con patoloxías psiquiátricas.
Xornada violencia dixital
A responsable socialista esixiulle hoxe ao presidente da Xunta a amosar publicamente a súa disconformidade coa decisión do goberno galego de organizar unha xornada sobre violencia de xénero dixital con cinco homes e unha única muller especialista, que se celebrará mañá xoves en Santiago. Cualifica esta situación de “vergoña” que, engade, evidencia que “o PP non cree na igualdade”.
Considera “de extrema gravidade” que leven á práctica este tipo de invisibilización das mulleres, que “somos a metade do mundo e máis do 60 por cento das tituladas universitarias”, a pesares do cal o goberno galego “considera que non estamos capacitadas para falar de violencia dixital”, e teñen que “ser os homes, que non a padecen, os que nos digan como facerlle fronte”.
Sinala que esta forma de actuar é “unha constante” por parte do goberno galego, que hai un mes celebraba o Congreso “Reforma do mapa municipal de Galicia”, no que a única muller era a directora xeral, que interviña como moderadora. Nesta ocasión, explicou, resulta “intolerable” que sexa precisamente a dirección xeral de Loita contra a Violencia de Xénero quen organiza a xornada.
Considera “de extrema gravidade” que o goberno galego decida “invisibilizarnos así”, e sinala que “xa agardabamos que a separación das áreas de Igualdade e Violencia de Xénero no organigrama da Xunta levaría a este tipo de situacións intolerables”.