Díaz critica alerta do “mal estado de conservación” do ben de interese cultural e critica o “desleixo” da Xunta sobre o patrimonio galego
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de instar á Xunta de Galicia, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a rehabilitar e pór en valor a Torre de Sande, ben de interese cultural e “unha das maiores xoias arquitectónicas” do Concello de Cartelle.
“Desde o século XIX o espazo quedou totalmente abandonado a pesar de que en 1949 foi protexido pola Lei do patrimonio histórico español e declarado de interese turístico nacional”, lembra a socialista, quen lamenta que na actualidade se atopa “en tan mal estado de conservación que mesmo corre perigo a estabilidade da estrutura”, de feito, “está na Lista Vermella de Patrimonio”.
Ademais, a responsable socialista sinalou que, dado que a actual propietaria do ben “asegura non poder facerse cargo dos gastos de rehabilitación” e, tal e como reclama o Grupo Socialista do concello ourensán, “o máis razoable” é que “se inicien os trámites de colaboración coas administracións necesarias para que a Torre de Sande pase a ser de titularidade pública e se proceda con urxencia á súa rehabilitación e posta en valor”.
Díaz criticou que, malia que “hai máis dunha década que a Xunta é consciente deste abandono”, o goberno da Xunta de Feijóo “paralizou un plan de actuación da Dirección Xeral de Patrimonio nas fortalezas da Raia Seca” para “pór en valor as fortalezas e torres militares” das comarcas da Limia, Verín e Terra de Celanova que puxera en marcha o goberno de Emilio Pérez Touriño.
“Coa chegada do Partido Popular á Xunta este plan de rehabilitación paralizouse e nada máis se soubo del”, aseverou a socialista. Así, Díaz criticou a xustificación da Xunta, que “aduce que non pode facer nada por tratarse dun ben de titularidade privada, contradicindo o que di a Lei 5/2016 de patrimonio cultural, que sinala á Administración autonómica como garante da conservación e protección do noso patrimonio”.
Por último, a responsable socialista puxo en valor a Torre de Sande que “formou parte dunha fortaleza medieval e, aínda que a súa orixe é incerta, hai datos históricos que a datan no século XII, cando o rei Alfonso VII e a raíña Berenguela doan o castelo ao Mosteiro de San Salvador de Celanova”.