Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que os concellos galegos constituíron este ano 112 brigadas menos que en 2016, incluíndo 78 gobernos do PP
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, instou hoxe ao conselleiro de Medio Rural a cambiar o modelo de defensa contra o lume “fracasado” por un sistema axustado á realidade cun dispositivo único, profesional, estable e equipado. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que alertou de que o modelo “non se axusta á realidade do territorio nin á virulencia dos incendios”.
Rodríguez Dacosta sinalou que a mellor mostra do fracaso deste modelo é que este ano tan só 151 concellos puideron constituír brigadas municipais de prevención pola imposibilidade de contratar persoal que traballe en “condicións precarias para tan alta e perigosa responsabilidade”. Lembrou que este ano hai 112 brigadas menos que en 2016, e sinalou que nin sequera puideron constituír estes dispositivos 78 concellos gobernados polo PP.
Chamou a cambiar un “servizo de non funciona”, como evidenciaba xa en 2017 a Comisión de Estudo sobre o modelo de política forestal, e como se viu confirmando ano tras ano, con cada vez menos convenios entre a Consellería e os concellos para constituír estas brigadas. Sinalou que a xestión por parte da Xunta “non está a ser a que require unha parte importante do territorio” e que afecta directamente á seguridade dos galegos e das galegas.