Alerta dun incremento na porcentaxe de alumnado NEAE por mor da pandemia e apunta que neste colexio vigués supón o 30% do total
A deputada viguesa e voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, urxiu á Consellería de Educación a contratación de profesorado e coidadores para a atención de alumnado con necesidades especiais e específicas no CEIP Castelao de Navia, na cidade de Vigo.
Fíxoo, hoxe, despois presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para denunciar a carencia destes docentes, tal e como xa denunciou a comunidade educativa.
“Ata en 17 ocasións durante os últimos 9 meses equipo directivo, consello escolar e ANPA solicitaron á Xunta que aumentase o número de coidadores e docentes para atender a alumnas e alumnos con necesidades especiais e específicas nesta escola, pero en todas elas obtiveron unha resposta negativa”, alertou a socialista.
Se ben a Consellería de Educación argumenta o cumprimento do catálogo de servizos, Otero criticou que este se atopa “obsoleto” pois “non reflicte nin estuda as realidades actuais dos centros educativos e, por suposto, non ten en conta o incremento do alumnado con necesidades de apoio educativo, unha problemática que se acrecentou por mor da pandemia”.
No caso deste centro, sinalou Otero, se ten trasladado á Xunta o “preocupante incremento” das nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), especialmente no curso 2021-2022, que supoñen o 30% do total do alumnado. “Tres de cada dez alumnas e alumnos teñen necesidades especiais e específicas nesta escola, polo que é vital a incorporación destes docentes”, aseverou.
Para abordar esta situación, a escola conta na actualidade cun departamento de orientación composto por unha orientadora, unha pedagoga e unha especialista en audición e linguaxe, “un equipo que a todas luces non abonda para atender a realidade actual do centro”, subliñou.
“A diversidade é unha realidade social e, polo tanto, unha realidade en cada centro e en cada comunidade educativa que o goberno galego ten a obriga, segundo establece a lei, de cubrir con medidas e accións deseñadas coa finalidade de adecuar a resposta educativa ás diferentes características, potencialidades, ritmos e preferencias de aprendizaxe, motivacións e intereses, e mesmo situacións sociais e culturais de todas as alumnas e alumnos”, concluíu a socialista.