Elena Espinosa reclámalle ao conselleiro que escoite aos traballadores e reforce o persoal sanitario para resolver as deficiencias do sistema que provocan “ansiedade, desesperación e frustración” nos usuarios
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, cualificou hoxe de “mera propaganda” as medidas anunciadas polo conselleiro de Sanidade para facer fronte ás agresións aos sanitarios. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que reclamou “ir á raíz do problema” e reforzar o persoal para evitar as deficiencias do sistema que provocan a “ansiedade, desesperación e frustración” nos usuarios.
A parlamentaria socialista dixo que as medidas promocionadas polo goberno galego e resultan “insuficientes” por canto o botón SOS “non sempre pode activarse”, ademais de que non está instalado por completo. Engadiu que “non aumentaron a seguridade privada”, senón que “o que fixeron foi mover xente duns servizos a Urxencias, solo nalgunhas áreas e durante unhas horas”.
Espinosa, que subliñou o compromiso dos socialistas galegos coa “tolerancia cero” á violencia verbal ou física, reclamoulle ao conselleiro de Sanidade que escoite aos profesionais que afrontan estas situacións e garanta “recursos e protocolos efectivos”.
Sinalou que os sanitarios “non son responsables das listas de espera nin da falla de recursos”, pero si que teñen que afrontar unha agresión cada 20 días, ademais das moitas que non son notificadas. Defendeu “tolerancia cero fronte á violencia, sexa verbal ou física”, e reclamou “recursos e protocolos efectivos” por parte do goberno galego.
Explicou que “todo apunta” a que as agresións están provocadas polas “deficiencias do sistema sanitario, as listas de espera inasumibles, as demoras na atención, déficit de médicos e enfermeiras e, en definitiva, a saturación e colapso do noso sistema sanitario”. Engadiu que a impotencia dos pacientes polos déficit no servizo é o “problema principal” que os leva a sinalar aos traballadores, cando en realidade tamén son “vítimas da nefasta e interesada xestión do PP en sanidade”.