Patricia Otero preguntaralle á conselleira no próximo Pleno polo sobrecuste de 44 millóns de euros ás concesionarias das autovías e os “fallos estruturais” no Plan de Ordenación do Transporte
A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, dixo hoxe que o Consello de Contas vén de facerlle unha “emenda á totalidade” á Consellería de Infraestruturas cos informes presentados a semana pasada sobre a xestión das 5 autovías de titularidade autonómica e do Plan de Transporte por Estrada. Otero anunciou hoxe que presentará unha pregunta esixindo explicacións á conselleira no Pleno da próxima semana.
A responsable socialista subliñou que estes informes evidencian que a conselleira “ten a casa sen barrer” mentres “o único que fai é poñerlle deberes ás outras administracións e a moitos concellos”. Reclamoulle á Conselleira que explique na próxima sesión plenaria do Parlamento se vai seguir as recomendacións do Consello de Contas, que lle reclama revisar os acordos polos que incrementaron as tarifas ás concesionarias das autovías.
Otero advertiu que a Xunta decidiu en 2014 pagarlle ás empresas concesionarias das autovías do Salnés, Barbanza e Celanova 205 millóns de euros máis que pedían por que o tráfico de vehículos era inferior ao que agardaban. O Consello de Contas advirte que este cálculo é incorrecto e que están a facer que “tódolos galegos e galegas teñamos que soportar un sobrecuste de 44 millóns de euros” en favor das concesionarias.
Criticou que “cando hai beneficios os asumen as adxudicatarias, pero cando hai perda de ingresos temos que asumilo tódolos galegos e galegas”, logo da decisión do goberno galego de saír en auxilio das empresas mesmo mudando a Lei. Explicou que a norma impedía facer este reequilibro da concesión, pero o goberno galego introduciu unha modificación legal no debate dos Orzamentos de 2014 para habilitar á Axencia Galega de Infraestruturas a tomar esta decisión.
O Consello de Contas reclámalle agora á Xunta que revise o incremento e reduza os 44 millóns de euros de sobrecuste ata o “estritamente indispensable para asegurar a viabilidade dos contratos”. O ente fiscalizador critica ademais que o goberno galego nin sequera tivera valorado rescindir os contratos e volver convocar a licitación ou mesmo asumir a xestión con medios propios, unha opción “moito máis beneficiosa para tódolos galegos e galegas”.
Plan de Transporte
O segundo informe do Consello de Contas, que fiscaliza o Plan de Transportes por Estrada, evidencia un “fallo estrutural” na xestión por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade porque “abdica das competencias de inspección e control dos contratos asinados”. Apunta que o goberno galego renunciou a cobrarlles ás concesionarias o pago do canon pola explotación do servizo ata que non tivo o requirimento de contas, cun retraso de 338 días sen recargo algún.
Ademais deste desleixo reiterado, que se repetiu a lo menos ata 2021, o goberno galego deixa numerosas queixas dos usuarios sen contestar, e outras ofrece unha resposta “tardía, pequena e somera”. Tamén sinala o peche de infraccións abertas contra as concesionarias, algunhas delas consideradas graves ou moi graves, pero sen impoñer ningunha penalidade á concesionaria.
Otero reclámalle á conselleira que explique publicamente se vai seguir as recomendacións do Consello de Contas que pide reforzar o seguimento dos contratos logo dun informe que ven sumarse aos fallos xudiciais en contra da Xunta polo desenvolvemento do Plan de Transporte. Lembra que o Tribunal Supremo ratificou a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a Xunta por “mirar cara outro lado diante do reparto de concesións entre dúas empresas”.