Patricia Iglesias esíxelle ao goberno galego que reforce o persoal inspector do Sergas para evitar que se repita a “omisión do deber de inspección” sobre un sanatorio que atende a 26 pacientes derivados da sanidade pública galega
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias advertiu hoxe da “responsabilidade directa” do goberno galego nos casos de “mala praxe” na atención aos pacientes detectados polo Defensor del Pueblo no Sanatorio La Robleda, de O Pino. Iglesias presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria logo do “informe demoledor” feito público polo Alto Comisionado das Cortes, na que lle esixiu á Xunta que reforce o persoal inspector do Sergas.
A responsable socialista lembrou que o sanatorio ten neste momento 26 pacientes derivados da sanidade pública, que están a padecer situacións difíciles de explicar, incluíndo contencións mecánicas inxustificadas, acusacións de abuso sexual contra un traballador e ingresos involuntarios de pacientes durante anos “a pesares da súa estabilidade clínica”. Lembrou que o Defensor del Pueblo apunta á “neglixencia da Xunta pola omisión na labor de inspección e seguimento”.
Explicou que é a segunda vez que ten que vir un organismo externo a poñer de relevo a situación dos sanatorios galegos, logo do informe tamén demoledor da Valedora do Pobo sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo en 2017. Puntualizou que “se fora eu goberno e tiveran que vir institucións de fora a sinalar estes casos caeríaseme a cara de vergoña”.
Esixiulle ao goberno galego que garanta o incremento de prazas para o persoal de inspección da Consellería de Sanidade, Sergas e Política Social “para facer inspeccións e supervisións de calidade tanto nos centros públicos como nos concertados”. Criticou que o goberno galego non tomara ningún tipo de medida logo da situación detectada no ano 2017 para garantir medidas de control e inspección eficaces, senón que polo contrario “estas situacións van en aumento”.