A deputada Silvia Longueira puxo en valor a loita dos traballadores e traballadoras da CRTVG, que levan preto de sete anos manifestándose cada venres para denunciar a manipulación e a precariedade na televisión e na radio públicas: “O PP ignora as súas reivindicacións, igual que ignora o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e contrastada”
Denunciou que o que fan no PP é aprobar unha normativa de costas ao Colexio de Xornalistas, á Mesa do Audiovisual e a todos os que levan anos denunciando a deriva da CRTVG. Todo para seguir mantendo o lixo, para poder dicir que agora cumpren a lei, pero sen cambiar nada de fondo
Desde o Grupo Socialista tamén advertiron de que a nova lei supón un golpe ao sector audiovisual galego, xa que “lonxe de reforzar a CRTVG como motor cultural e industrial, afonda na súa irrelevancia e condena aos profesionais galegos a buscar oportunidades fóra
A deputada Silvia Longueira, en nome do Grupo Parlamentario Socialista, denunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a nova lei dos medios públicos aprobada hoxe polo Partido Popular “non é máis ca un cambalache democrático para lexitimar o que levan facendo durante anos: manipular a CRTVG ao seu antollo, afastala da pluralidade e utilizala como ferramenta de propaganda”.
Na súa intervención, Longueira lamentou que a norma “non moderniza nin democratiza os medios públicos galegos, senón que blinda o seu control político e garante que todo siga igual, coas mesmas prácticas de censura, favoritismo e falta de transparencia”. Advertiu de que a nova lei outorga ao goberno da Xunta a capacidade de nomear e manter indefinidamente a dirección xeral da CRTVG, “sen consenso, sen control e sen máis criterio que a conveniencia do PP”.
“Se esta lei servise para mellorar algo, debería nacer do diálogo cos traballadores, cos profesionais do sector audiovisual e coa sociedade galega”, afirmou. “Pero non. O que fan é aprobar unha normativa de costas ao Colexio de Xornalistas, á Mesa do Audiovisual e a todos os que levan anos denunciando a deriva da CRTVG. Todo para poder dicir que agora cumpren a lei, pero sen cambiar nada de fondo”.
Longueira explicou que a norma inclúe 59 artigos e 7 disposicións adicionais “para que, non saiamos do lixo”. Posiblemente, dixo, este é un dos casos de cambalache democrático máis flagrante do noso país, digno de estudo para observar o comportamento do Partido Popular en Galicia.
O Grupo Socialista puxo en valor a loita dos traballadores e traballadoras da CRTVG, que levan preto de sete anos manifestándose cada venres nos “Venres Negros” denunciando a manipulación e a precariedade na televisión e na radio públicas. “O PP ignora as súas reivindicacións, igual que ignora o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e contrastada. Prefiren manter a CRTVG no marasmo, afastada da pluralidade e cun modelo que se sostén unicamente na obediencia”, denunciou Longueira.
Tamén advertiu a socialistas de que a nova lei supón un golpe ao sector audiovisual galego, xa que “lonxe de reforzar a CRTVG como motor cultural e industrial, afonda na súa irrelevancia e condena aos profesionais galegos a buscar oportunidades fóra”. Directores, guionistas, actores e técnicos “seguen saíndo de Galicia porque a súa televisión pública, en vez de ser unha plataforma de creación, está secuestrada por criterios políticos”.
Ademais, Silvia Longueira alertou de que a normativa presenta graves dúbidas legais en materia de contratación de persoal directivo, podendo vulnerar o Estatuto Básico do Empregado Público e a Lei Galega de Ordenación do Sector Público. “O PP está facendo unha lei á súa medida, saltándose principios básicos de igualdade, mérito e capacidade. Non lles interesa unha televisión pública profesional, só unha televisión pública submisa”, afirmou.
O Grupo Socialista insistiu na necesidade dun modelo de medios públicos independentes, plurais e ao servizo da cidadanía. “O que está en xogo non é só a CRTVG, senón o dereito dos galegos e galegas a ter unha televisión e unha radio públicas que lles pertenzan, e non que sexan un aparato ao servizo dun partido”, concluíu Silvia Longueira.