Lara Méndez recordou que o PSdeG defendeu desde o primeiro momento que unha industria que depende exclusivamente da concesión de fondos públicos é inviable, máis alá de que cumpra ou non os requisitos medioambientais
“Non nos movemos un ápice, o PSdeG está onde estivo sempre, na rigorosidade e a seriedade. Benvido sexa o tránsito da pancarta fácil á política útil”, dixo a viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista
O Grupo Socialista opúxose de novo hoxe no Parlamento galego a que a Xunta do PP financie a instalación de Altri en Palas de Rei cos cartos de todos os galegos e galegas. Tal como recordou Lara Méndez, o PSdeG vén defendendo desde o primeiro momento a importancia das implicacións económicas do proxecto, especialmente se o Goberno de Rueda planea conceder á pasteira subvencións a fondo perdido. “Sempre falamos de equilibrio ambiental, social e económico”, explicou a viceportavoz, que defendeu que os socialistas “non nos movemos un ápice, o PSdeG está onde estivo sempre”. Por ese motivo, deu a benvida ao “tránsito da pancarta fácil á política útil”.
Méndez insistiu en que é necesario ter en conta todas as variables do proxecto. Respecto das medioambientais, sinalou que o proxecto mudou “de planta téxtil a macrocelulosa”, e lamentou que o PP lle poña pegas “á instalación dunha plataforma de baño no Miño, por impacto ambiental”, mentres non llas pon a unha planta que pretende consumir máis auga que todos os habitantes da provincia de Lugo.
En canto ao aspecto social, criticou que as previsións do impacto da factoría no plano laboral foron minguando conforme avanzaba o tempo, como tamén a súa situación, que pasou “da Mariña a Palas”. Finalmente, sinalou como unha cuestión clave o financiamento. Un proxecto que se presentou como “privado”, precisa agora que o sector público cubra o 25 % do investimento. Por iso, trasladou unha pregunta fundamental: “É viable a empresa se non percibe esas axudas?”.
Así, chamou a atención sobre os acordos que puidera ter Altri co Goberno do PP, en concreto, a través da sociedade pública Impulsa Galicia. Se a Xunta pretende conceder fondos, “con que liña de financiamento?, con canto?, con que criterios?”, preguntouse Méndez. “O Goberno galego ten que explicar moito”, por exemplo no “uso pervertido da información”, advertiu. Nese senso, criticou a política “escurantista, entregando datos por fascículos”, que está caracterizando a xestión deste asunto, á que se unen as “filtracións co obxectivo de gañar un relato que non convence aos galegos e galegas”.
Por outra banda, a deputada do PSdeG lamentou a falta dun modelo e dunha política industrial por parte do Partido Popular, que fai a que se chegue a situacións coma a de Altri. “É unha mala noticia salvo para aquelas empresas que por intereses partidistas do PP teñan a canle para instalarse”, dixo.
O resumo é que “o proxecto naceu mal”, non se xestionou ben, “deu bandazos desde o inicio” e parece haber tras el “un interese oculto”, afirmou Lara Méndez, e defendeu que os socialistas “estamos onde estivemos sempre, na rigorosidade e a seriedade. Por iso queremos saber”.
Finalmente, esixiu do Goberno de Rueda un apoio “sen condicións” aos sectores que xa están asentados no territorio “e si xeran riqueza e conservan o medio”, en lugar de apostar por un proxecto que non se sostén en ningunha das “tres patas” que deben soportar calquera proxecto industrial, reiterou.