Paloma Castro visita o CEIP para denunciar a falla de resposta do goberno diante da petición da comunidade educativa para cubrir o espazo destinado á actividade física e que poida ser utilizado como patio cuberto
A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamaralle á Xunta que execute a construción dun teito cuberto para a pista polideportiva do CEIP Pontesampaio de Pontevedra e que poida ser utilizado nos días de choiva e tamén como patio cuberto. A responsable socialista visitou hoxe o CEIP desta comarca pontevedresa onde presentou a pregunta oral que levará ao primeiro Pleno do período de sesións.
A parlamentaria pontevedresa dirixirase ao conselleiro de Educación para pedirlle que atenda ás demandas da comunidade educativa de Pontesampaio, que “vén reclamando dende hai tempo a necesidade de ter un espazo cuberto destinado á práctica da actividade física por parte do alumnado”. Advirte que diante da falla de reposta da Xunta tiveron que habilitar unha aula na planta baixa engadindo espalderas e cestas nas paredes.
O espazo habilitado polo centro resulta a todas luces insuficiente, e ten que ser empregado a maiores como comedor á hora do almorzo e a mediodía e tamén como espazo de recreo nos días de choiva. Alerta de que a aula “non pode ter esta multifunción”, xa que “non reúne as características axeitadas para unha instalación deportiva” e reclámalle á Xunta que garanta un espazo acaído para os nenos e nenas do centro.
Sinala que “o espazo máis axeitado a nivel técnico e administrativo é o que ocupa a actual pista polideportiva exterior, mediante a construción dunha cobertura para que poida cumprir as funcións de instalación para a práctica de actividades deportivas e patio cuberto de recreo nos días de choiva”.