Elena Espinosa empraza ao goberno galego a asumir e exercer as competencias propias para coidar da saúde dos galegos e das galegas
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle á Xunta que asuma as competencias propias para despregar unha campaña informativa en Galicia sobre os efectos nocivos das dietas detox para a saúde. Espinosa lamentou o voto en contra do PP á proposición non de Lei que presentou neste sentido na Comisión de Sanidade do Parlamento.
Espinosa lamentou que o goberno galego “eluda unha vez máis a súa responsabilidade botándolle as culpas ao goberno de España sinxelamente para agochar que non é capaz de facer nada”, e reclamoulle que “exerza as súas competencias e fale dende Galicia aos galegos e galegas” para informar sobre un risco certo para a saúde.
Explicou que o “concepto detox non existe nin na RAE nin na terminoloxía médica”, máis alá dunha etiqueta ou hagstag de redes sociais que non é máis que un mecanismo de publicidade que agocha que “non existe ningunha investigación de calidade que indique ningún tipo de beneficio a longo prazo asociado a estas dietas”. Advertiu que a supresión de alimentos de consumo diario defendido por estas dietas “contradí os principios básicos de medicina ou nutrición”.
Alertou do risco de modificar a dieta sen control nutricional, provocando un “déficit nutricional, co conseguinte impacto na saúde” das persoas que se adhiren a estas “dietas milagre”, que “desorientan e fanlles perder tempo e diñeiro, impoñendo unhas condicións nutricionais duras, ineficaces e insanas”.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha un programa informativo “tamén nos centros de saúde” de Galicia alertando fronte á realidade deste tipo de dietas e os seus efectos sobre a saúde das persoas..