Carmen R. Dacosta critica que o PP négase a constituír a Mesa dos Pastos en Montes de Galicia porque “están en contra de todo órgano participativo que impida a asignación a dedo”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha un Plan de actuacións de mellora das zonas de pastoreo extensivo como medida para anticiparse aos incendios forestais e mellorar a produtividade da gandería. Dacosta lamentou o voto en contra do PP a esta proposta que presentou na Comisión de Agricultura do Parlamento.
A responsable socialista criticou que o PP se negara entre outras cousas a crear unha Mesa de Pastos en Montes de Galicia que funcionara como “un espazo de diálogo e coordinación no que poidan participar as administracións, os gandeiros, os técnicos forestais e as organizacións ambientais ou agrarias”. Acusou ao PP de negarse porque “están en contra de todo aquel órgano participativo que impida a asignación a dedo”.
Criticou que “se opoñan porque sen planificación asignan os plans ao chou, ou mellor dito a aqueles concellos amigos, os da mesma cor política”, en contra dun aproveitamento racional e ordenado do medio rural galego, impedindo polo camiño avanzar cara un modelo preventivo contra os lumes forestais que aposte por “paisaxes resilientes, vivas, rendibles e moito menos inflamables”.
Dacosta advertiu que a falla de políticas efectivas e planificadas de cara ao medio rural galego provoca que só o 29 por cento do territorio galego estea ocupado por explotacións agrarias, o 21 por cento sexan terras de cultivos e pastos. Ademais, neste momento hai entre 600.000 e 1 millón de hectáreas abandonadas e ocupadas por matogueiras, mentres a ocupación no sector agrario leva 3 décadas caendo de forma drástica.