Paloma Castro chama a facer da Igualdade “a columna vertebral” do goberno galego, que permita “camiñar cara unha Galicia máis igualitaria, e polo tanto máis libre e democrática”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle ao goberno galego que garanta a aplicación transversal do principio de igualdade poñendo en marcha as Unidades de Igualdade entre mulleres e homes en tódalas consellerías. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Igualdade no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe.
A responsable socialista chamou ao goberno galego a levar adiante esta medida para garantir a coordinación entre as diferentes consellerías e o cumprimento de tódalas políticas feministas “que nos permitan avanzar cara “unha Galicia máis igualitaria, e polo tanto máis libre e democrática”. Paloma Castro chamou así a facer da Igualdade “a columna vertebral presente en tódalas accións do goberno.
Acusou ao goberno galego de incumprir coa paridade nos organismos dependentes da Consellería de xustiza, Deportes e Emerxencias, así como sucede na Consellería de Facenda e algúns dos organismos que dependen dela e na de Medio Rural.
Castro puxo o acento nas medidas de prevención e sensibilización destinadas á sociedade en xeral, sinaladamente no eido educativo e nos medios de comunicación. Chamou a “introducir novas escalas de valores baseadas no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais e a igualdade entre homes e mulleres, sen esquecer a tolerancia e liberdade dentro dos valores democráticos de convivencia dende os principios feministas”.
Lembroulle o compromiso de implantar a educación afectivo – sexual no ensino público a partir do próximo curso escolar, tal e como sinala o acordo parlamentario impulsado polos socialistas e aprobado por unanimidade no Parlamento. Advertiu que o goberno galego está a incumprir coa Lei de Igualdade de 2023, que obriga a adaptar o currículo educativo dende as primeiras etapas para integrar a igualdade entre mulleres e homes.