Patricia Iglesias lamenta a posición “ambigua e incoherente” da Xunta, que actúa como “mandadiña do señor Feijóo” ao opoñerse á oferta do goberno central
Critica a oposición “sen ideas, sen dirección e sen escrúpulos” dun PP co único obxectivo de “destruír e confrontar”
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamoulle ao goberno galego que dean paso ao “sentido común” para aceptar a condonación de 4.010 millóns de euros de débeda posta enriba da mesa polo goberno central. Iglesias acusou á Xunta de actuar como “mandadiños de Feijóo” para criticar a proposta de forma “ambigua e incoherente”.
Reclamoulles que abandonen o “penoso e esperpéntico teatrillo” que iniciaron no último Consello de Política Fiscal e Financeira e acepten dunha vez a quita de máis de 4.000 millóns de euros que “beneficia a Galicia”. Criticou que o conselleiro de Facenda do goberno galego actuara como “novo portavoz do PP en Madrid” no sistema de financiamento autonómico deixando de lado os intereses obxectivos dos galegos e das galegas.
Citou ao propio conselleiro, que en TVE dixo que “non sabía” se ían aceptar a quita que, advertiu Iglesias, “acabarán aceptando”. Comparou a posición do PP e do goberno galego neste debate coa mesma postura que adoptaron no debate do actual sistema de financiamento en 2010, cunha oposición “sen ideas, sen dirección e sen escrúpulos” co único obxectivo de “destruír e confrontar” e de “boicotear por razóns partidistas” do PP, liderado por un Feijóo “perdido e desnortado”.
A parlamentaria socialista explicou que a condonación de débeda “beneficia ao noso país” constitúe o “primeiro e necesario paso para avanzar na negociación do sistema de financiamento autonómico”. Explicou que a quita representa o 33 por cento da débeda total de Galicia, que deixaría de deber Galicia, aforrando 100 millóns de euros máis en xuros cada ano e liberando capacidade de gasto e fondos para fortalecer o Estado do Benestar.
Explicou que a proposta presentada polo Estado supera tódalas previsións en contía e formato porque emprega a poboación axustada, polo que Galicia, que ten o 5,5 por cento da poboación, recibe fondos equivalentes a un cómputo do 6,7. Por este motivo está por riba da media da condonación das comunidades autónomas e máis que Cataluña, que terá unha porcentaxe do 20 por cento, 13 puntos menos que o 33 por cento de Galicia.
Explicou que esta proposta do goberno central permitirá reducir os xuros e o risco financeiro disparados por que os gobernos do PP triplicaron a débeda pública dende 2009, pasando de 4.900 a 12.154 millóns de euros, que obrigan a pagar cada ano máis de 1.700 millóns de xuros. Acusou ao goberno galego de practicar un “ilusionismo fiscal irresponsable” cun modelo que ”favorece a uns poucos e prexudica á maioría”.