Begoña Rodríguez Rumbo reclama a supresión da bonificación fiscal aos máis ricos para recuperar a tarxeta básica e propón “unha Galicia máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente sen que ninguén quede atrás”
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou hoxe a emenda transversal presentada polos socialistas galegos aos Orzamentos da Xunta para 2023 coa que reclaman mobilizar 766 millóns de euros. Rodríguez Rumbo chamou a despregar un “proxecto de país” que permita “atender ás necesidades do presente e poñer as bases do futuro” a partir dos Orzamentos do próximo ano.
A responsable socialista urxiu a empregar os maiores orzamentos xestionados polo goberno galego, grazas tamén ás aportacións do Estado para facer fronte ás consecuencias da pandemia e da invasión de Ucraína, para acadar unha Galicia “máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente sen que ninguén quede atrás”.
Rodríguez Rumbo presentou as aportacións do Grupo Socialista aos principais eixos das contas de 2023, en materia de fiscalidade, sectores produtivos, demografía, emprego, sanidade ou educación. Reclamou unhas novas contas do goberno galego que permitan “avanzar en xustiza social e prosperidade económica, garantir a igualdade de oportunidades e protexer ás familias ás Pemes e ás empresas”.
Lamentou que o goberno galego sexa incapaz de empregar máis de 14.000 millóns de euros de Orzamento para atender ás necesidades da poboación, limitándose a pechar un exercicio contable e evidenciando que “non pensan en persoas, senón que pensan en números, usuarios ou clientes”. Censurou un proxecto “indolente” que ratifica unha “política fiscal regresiva”, para rebaixarlle o imposto de Patrimonio aos máis ricos mentres retiran a tarxeta básica a quen máis o necesita.
Criticou que o goberno galego lle regale 4.500 euros aos 7.700 galegos e galegas cun patrimonio de máis de un millón de euros ao tempo que suprimen a tarxeta básica que permitía que os galegos e galegas con máis necesidades accederan a bens básicos de supermercado, hixiene ou farmacia. O Grupo Socialista reclamoulle á Xunta que manteña o imposto do Patrimonio e empregue os 34 millóns de euros que deixará de recadar para repoñer a tarxeta básica.
Tamén reclamou triplicar o bono social eléctrico para chegar a 18.000 persoas, implementar un Plan de loita contra a pobreza, un programa de bolsas de alimentación, o incremento do Servizo de Axuda ao Fogar ou dedicar un millón de euros para axudas a comedores escolares. Tamén reclamou o reforzo de equipos de valoración da dependencia e de discapacidade, o reforzo de centros residenciais, novas escolas infantís e a compensación aos concellos.
Sanidade e educación
Rodríguez Rumbo acusou ao goberno galego de impoñer unha “sanidade low cost”, con medidas “pouco serias” como a substitución de médicos por enfermeiras e, engadiu, “suplir a presencialidade nas consultas con tablets”, seguindo a liña marcada pola presidenta de Madrid. Instou ao goberno galego a destinar 322 millóns de euros adicionais á sanidade para “recompoñer o tremendo ridículo que están a facer”.
Os socialistas galegos propoñen un Plan extraordinario de recursos humanos en atención primaria, reforzar as partidas para esta especialidade, ademais de aplicar un programa de atención hospitalaria, reforzar a investigación sanitaria e a mellora das infraestrutura sanitarias.
En materia de educación, propuxo mobilizar 114,1 millóns adicionais para recuperar a gratuidade dos libros de texto, implantar a primeira matrícula universitaria gratuíta, reforzar as bolsas universitarias e de posgrao, o reforzo do persoal auxiliar educativo e o profesorado de apoio, incrementar o I+D+i en universidades e un Plan galego para o persoal de investigación.
Sectores produtivos e emprego
O PSdeG propuxo ademais destinar 478 millóns de euros para o reforzo dos sectores produtivos, incorporando un Plan de compensación do incremento dos custes de transporte e enerxía, un Plan de reforzo das industrias electrointensivas, axuda ao comercio e hostalería e actuacións cara á descarbonización e o reforzo da transición xusta.
En materia de emprego, esixiu en primeiro lugar que a Xunta execute os recursos orzamentados, logo de ter deixado sen executar 505 millóns de euros nos últimos 3 anos, incluíndo os 235 millóns de euros que non investiron en 2021. Rodríguez Rumbo instou á Xunta a aumentar en 10,5 millóns de euros estas partidas, que permitirían crear un Programa de Emprego Galego, reforzar o emprego para parados de longa duración e maiores de 45 anos, mulleres e xente moza.