Leticia Gallego denuncia que o goberno do PP deixou sen executar máis da metade do orzamento para investigación
A voceira de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamou este martes incrementar un 0,4% do PIB o investimento da Xunra nesta materia para frear de forma urxente a fuga de talento pola que no 2022 emigraron 8.257 traballadores cualificados galegos.
No pleno do Parlamento de Galicia, a deputada socialista defendeu a súa iniciativa coa que busca que Galicia aumente a súa aposta pola investigación, o desenvolvemento e a innovación, xa que apenas se inviste o 1,1% do PIB. Gallego esixe que se equipare a media de investimento de España do 1,43% do PIB, e seguir dando pasos para achegarse á media europea do 2,2% do PIB e camiñar ata o 3% do PIB que está marcado como obxectivo.
Así mesmo, reprochou ao goberno galego que só executou o 47% do orzamento para I+D+i no 2022, logo de recortalo en 58 millóns de euros. Atribúe á falla de aposta real do PP polo I+D+i a que no último lustro un 21% de galegos e galegas con estudos superiores se viron obrigados a traballar fóra da comunidade autónoma, sendo 6.000 os investigadores que marcharon de Galicia o pasado ano.
A deputada denuncia unha “falta de compromiso por parte do goberno galego coa ciencia e a investigación en Galicia, en especial pola falta de financiamento e as malas condicións laborais do persoal investigador que non frean a fuga de talento”.
Lembrou que non son só os socialistas os que alertan desta situación, senón que organismos como o Consello Económico e Social alerta do precario investimento galego en I+D fronte ao norte de Portugal, tamén o Foro Económico de Galicia fala de que esta falla de investimento “é un claro exemplo fa falta de fuelle na nosa terra”, e mesmo a UE no seu Índice de Competitividade Rexional sitúa a Galicia á cola de Europa en innovación.