Os socialistas denuncian que o PP tratou de desnaturalizar e bloquear o órgano que debía investigar o sobrecusto do Cunqueiro e a contratación a dedo de empresas vinculadas a altos cargos do PP dende o primeiro minuto, converténdoa nun paripé no que todas as solicitudes de transparencia e fiscalización real foron sistematicamente obstaculizadas ou ignoradas
O Grupo Parlamentario Socialista denuncia que a resposta da Mesa da Comisión recoñece a inexistencia do suposto informe xurídico mencionado por Elena Candia para xustificar o rexeitamento das emendas socialistas ao plan de traballo da Comisión de Investigación sobre a contratación pública en tempos de pandemia e o sobrecuste do Cunqueiro. Tras semanas de espera e requirimentos, a resposta da Mesa “evidencia que nunca houbo tal informe, substituíndoo agora cunha simple advertencia oral”.
Por iso, o Grupo Parlamentario Socialista esixe o cese inmediato de Elena Candia como presidenta do órgano investigador: “Consideramos intolerable que se manipule o proceso parlamentario con esta impunidade, en especial nunha comisión que naceu coa finalidade de esclarecer e non de encubrir. Seguiremos traballando para garantir que se coñezan todos os detalles das contratacións en pandemia e para que se depuren as responsabilidades oportunas”.
Dende o Grupo Socialista lembran que o Partido Popular nunca quixo esta Comisión de Investigación, e só accedeu á súa creación por presión social e política. “Desde o primeiro momento, o PP tratou de desnaturalizar e bloquear esta comisión, converténdoa nun mero paripé, no que todas as solicitudes de transparencia e fiscalización real son obstaculizadas ou ignoradas. O seu obxectivo: evitar aclarar as contratacións directas realizadas durante a pandemia, incluíndo os contratos a empresas ligadas a familiares de altos cargos do PP, como Núñez Feijóo, Alfonso Rueda e Beatriz Cuiña, ademais do sobrecusto de 471 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro.
O recoñecemento explícito da Mesa de que non existe informe escrito, sinalan os socialistas no Parlamento, “confirma as nosas sospeitas de manipulación e falta de transparencia por parte de Elena Candia, quen, ao aludir a este informe inexistente, buscaba lexitimar o veto ás emendas socialistas sen un respaldo xurídico real”. Este comportamento non é propio dunha comisión que debería defender a rendición de contas e a transparencia, senón dunha farsa dirixida polo PP para encubrir as súas actuacións.