Paloma Castro advirte que A Illa “sobrevive á marxe da Xunta de Galicia”, e reclamoulle que cofinancie xunto co Estado a depuradora de Niño do Corvo
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, acadou hoxe o compromiso do responsable de Augas de Galicia de asumir as obras de ampliación e saneamento do Concello. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Ambiente para reclamarlles que rematen coa marxinación histórica do goberno galego a un Concello “clave para o turismo das rías baixas”.
Advertiu que este concello “sobreviviu” ata o momento “á marxe da Xunta de Galicia, que tan só axuda no saneamento dos concellos cando teñen gobernos do PP, cunha “actitude claramente discriminatoria” contra A Illa de Arousa, que chega a triplicar a poboación durante o verán. Esta presión pon ao límite as infraestruturas do concello, que carece dos orzamentos propios necesarios para levar adiante as obras de saneamento e depuración que precisa.
Pediu así n convenio co Concello e con Acuaes para cofinanciar xunto co Estado a depuradora de Niño do Corvo, e que inclúa o proxecto de mellora e ampliación do saneamento. Lembrou que logo de anos sen responder ás peticións do Concello para adaptar a depuradora, posta en marcha no ano 2003, á normativa europea, no ano 2018 o Estado declarou de interese xeral a construción dunha nova EDAR no lugar do Niño do Corvo.
Isto supuxo que se aprobara un proxecto de construción por un importe de 8 millóns de euros, dos que o Estado asumiría o 80 por cento do custe e o 20 por cento restante correría a cargo do Concello, sen que a Xunta contribúa “en nada” a esta obra “a pesares do compromiso de participar no financiamento de grandes infraestruturas hidráulicas executadas polo Goberno central.