Julio Torrado avisa de que estarán vixiantes debido aos antecedentes de incumprimento dos acordos parlamentarios por parte da Xunta
O pleno do Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa socialista con medidas para mellorar a atención á saúde mental infanto-xuvenil no sistema sanitario público galego, aínda que o voceiro de sanidade dos socialistas avisa de que estarán vixiantes ante os incumprimentos da Xunta ao pasar xa con medidas similares.
O socialista fixo un repaso transversal á situación da atención á saúde mental no sistema sanitario público galego, do que se extrae que “temos un gravísimo problema” ante o que “non temos medios nin capacidade asistencial para solucionalos”. Para Julio Torrado hai un goberno galego que está xestionando “sen cabeza” e eles “queren axudar a qu eo fagan ben”.
“O dereito á saúde mental non está garantido no sistema sanitario público galego” alertou, ante a lista de agarda de arredor de catro meses para unha primeira cita de saúde mental. A falla de cobertura, subliña, leva á cidadanía a pensar directamente no sistema privado cando fala de recibir atención psicolóxica, sendo un elevado gasto que moita xente non pode asumir.
Ante isto, o goberno do PP actúa de forma contraproducente, renunciando a prazas de formación de especializade en saúde mental, “a pesar do que lle gusta falar ao goberno galego dos MIR”, recordou Torrado. Logrou que se acadara o compromiso de convocar todas as prazas de aquí en adiante.
Nesta liña, destacou que Galicia ten a peor ratio de España en profesionais de Psiquiatría, Psicoloxía Clínica e Enfermaría de Saúde Mental. A medida socialista que xa foi aprobada anteriormente e incumprida polo goberno galego, pide elevar a contratación ata chegar á media do Estado nun período de tres anos.
SAÚDE MENTAL INFANTO-XUVENIL
Na súa iniciativa centrouse especialmente na saúde mental infanto-xuvenil. Neste grupo agravouse de maneira moi “preocupante” o número de estas afectacións, segundo datos da OMS un de cada sete menores ten un problema de saúde mental, e Save The Children apunta a que os casos infanto xuvenís triplicáronse trala pandemia en España.
Por iso, reclamou a instalación de áreas de hospitalización en saúde mental infanto-xuvenil, que só hai na área sanitaria de Santiago na actualidade, para que estes poidan recuperarse de xeito adaptado á súa idade e non compartindo espazos con adultos, como así pasa noutras especializades.
Como consecuencia desta falla asistencial, Torrado remarcou que Galicia é o líder do Estado en consumo de farmacoloxía, isto ligado a que “temos a peor saúde mental autopercibida de España”, xa que o 40% dos homes e o 50% das mulleres galegas afirman que sufriron algún problema de saúde mental. Por iso, xustificou a necesidade destas medidas e impulsar a atención neste ámbito coa importancia que merece dentro do sistema público.
Non se aprobou a proposición non de lei socialista no seu conxunto, senón que o grupo popular solicitou a votación por puntos e se opuxo unicamente ao que demandaba a creación dun grupo de traballo específico para crear medidas contra o suicidio nas idades infanto-xuvenil.
Aínda que agradeceu o apoio dos outros dous grupos parlamentarios, reprochou aos populares non querer actuar para previr os suicidios da xente moza así como que o seu vicevoceiro parlamentario o acusara de “frívolo” cando presentou esta iniciativa en rolda de prensa.