Pablo Arangüena critica a “falla de política industrial” da Xunta que está a provocar a “deslocalización” e a “perda de galeguidade” das empresas galegas
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de instar á Xunta de Galicia, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento, a adoitar “todas as medidas ao seu alcance” para evitar o traslado do centro operativo da rede norte de Unión Fenosa Distribución, antiga Fenosa, dende A Coruña a Madrid.
Arangüena criticou a “falla de política industrial” por parte do goberno galego que está a provocar unha “deslocalización” e “perda de galeguidade” das empresas da nosa terra, logo de que a antiga Fenosa veña de comunicar o peche do COR na Coruña, que xestionaba as liñas eléctricas de Galicia e parte de León, “coordinando a resposta ante os apagamentos, tan frecuentes na nosa comunidade en determinadas condicións meterolóxicas”.
“A antiga Fenosa está perdendo aceleradamente a súa conexión coa Coruña e con Galicia”, sinalou o responsable socialista, quen lembrou que a empresa fora fundada en 1943 na cidade polo empresario coruñés Pedro Barrié de la Maza.
Así, lamentou que “das aproximadamente 300 persoas que traballaban neste centro hai unha década, agora só quedan arredor de 70, tras un desmantelamento progresivo dos centros de traballo” e, agora, o traslado do centro a Madrid “implicará a perda de 28 postos de traballo máis”.
Por último, o vicevoceiro do Grupo Socialista alertou de que “a que aínda é a principal subministradora de Galicia non vai ter xa a capacidade operativa en Galicia para atender os frecuentes apagóns do inverno”, co que instou ao goberno galego a “obrigar á empresa a garantir a calidade do subministro eléctrico” en toda a comunidade, xa que “dá servizo a case 2 millóns de puntos de subministro en Galicia”.