Patricia Iglesias urxe a escoitar ás familias, que alertan dunha situación “insostible”, e cumprir cos rateos de alumnos comprometidos polo goberno galego
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle ao conselleiro de Educación o reforzo urxente do profesorado asignado ao IES Agra de Leborís, na Laracha. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de hoxe na que presentou a petición das familias da Laracha que alertan de que a falla de profesores no centro está a provocar unha situación “insostible”.
A responsable socialista alerta de que o goberno galego está a incumprir neste centro o rateo de alumnos por aula asinado este curso coas centrais sindicais, xa que algunhas das aulas de Primeiro de ESO acadan os 33 alumnos. Ademais, a redución de horas lectivas do profesorado non se compensan con máis persoal, e o tamaño das clases non cumpre coa normativa, afectando á calidade da docencia.
Explica que a falla de profesorado está a provocar que materias como Latín, Grego ou Física sexan impartidas en modalidade on line dende a biblioteca. A situación resulta especialmente significativa no caso dos preto de cen alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais matriculados neste centro, que este curso só poden contar cun único especialista en Pedagoxía Terapéutica que ademais ten que compaxinar esta tarefa coa súa participación na dirección do centro.
Criticou a “falta de empatía” do conselleiro coas familias e os alumnos galegos, que o amosa “afastado da realidade do día e día das nais e pais”, e reclamoulle que “observe e escoite” as protestas convocadas ao longo da Costa da Morte polos recortes no profesorado.
Advertiu que esta situación esténdese a toda Galicia, onde reduciron 80 docentes de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, e deixan sen atender ás necesidades de atención preferente de máis de 30 centros que o demandaban.