Silvia Longueira cualifica de “cruel” a retirada do bono social térmico de 150 euros anuais a 80.000 familias galegas cando “acumulaban un retraso de máis de 3 meses nos pagos”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle hoxe á Xunta que recupere o complemento galego de 150 euros anuais a 80.000 beneficiarios do bono social térmico que decidiron suprimir dende o mes de xullo. Longueira presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe pero que será votada mañá mércores.
A responsable socialista denunciou unha decisión que cualificou de “cruel” por parte do goberno galego, que deixou sen axudas a 80.000 familias galegas “cando acumulaban un retraso de máis de tres meses” nos pagos aos beneficiarios. Longueira criticou que o PP rexeitara hoxe mesmo a emenda dos socialistas galegos aos Orzamentos da Xunta que incluía unha aportación adicional de 6 millóns de euros nas axudas á calefacción das familias galegas en dificultades.
Afeoulles que decidan recortar nas axudas ao tempo que deixan sen executar o 40 por cento das partidas de gasto social cando a taxa Arope de pobreza aumenta un 1,8 por cento e hai 636.000 galegos e galegas, un de cada catro, en risco de exclusión. Advertiu que a taxa de pobreza ten aumentado en Galicia do 18 ao 19,4 por cento en Galicia dende 2023 e constitúe xa “unha ameaza que pode cronificarse e converterse en estrutural”.
Advertiu que a poboación infantil e xuvenil está a rexistrar as taxas máis elevadas por grupos de idade, e o 27,1 por cento dos fogares con nenos están baixo o limiar da pobreza, que afecta a máis da metade dos fogares monomarentais -52,7 por cento-.
Silvia Longueira reclamoulle ao goberno galego que abandone as “ideas faltas de sentido” para renunciar á quita da débeda de Galicia e aumente as aportacións tamén ao bono social eléctrico para igualar a lo menos as achegas do Estado.