Patricia Iglesias denuncia que os gobernos do PP “non moveron un solo papel en 16 anos” para facer realidade unha infraestrutura básica para Bergantiños e a Costa da Morte
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe á Xunta garantías para a posta en marcha do Polígono Industrial da Miñata -Coristanco- neste mesmo ano 2025. A responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Industria do Parlamento na que denunciou que os gobernos do PP foron “incapaces de mover un solo papel en 16 anos” para levar adiante esta infraestrutura.
Iglesias denunciou que o PP leva “anos empregando este polígono industrial como mero reclamo electoral”, que reactivan en cada proceso electoral para despois deixalo esquecido nun caixón durante outros catro anos. Na súa intervención, que seguiu no Parlamento o portavoz socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, puxo como exemplo o anuncio preelectoral do ano 2019, cando Feijóo anunciaba esta obra como proxecto estrela para a comarca.
Sen embargo, non foi ata comezos de 2024 que o goberno galego non adxudicou o proxecto de expropiación, pero que leva paralizado dende setembro daquel mesmo ano, polo que esixiu que “impulsen e axilicen ao máximo e dunha vez por todas o proxecto de construción e execución do Polígono da Miñata”.
A parlamentaria socialista sinalou que se trata dunha infraestrutura “indispensable para o futuro de Coristanco”, que evite que as empresas “sigan abandonando o concello por carecer dun espazo acondicionado onde desenvolver a súa actividade”.
Denunciou que o desleixo do goberno galego demostra unha vez máis que as comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte son “as grandes esquecidas” para este goberno, como demostran uns orzamentos para 2025 de novo “moi decepcionantes”, que replican “as mesmas promesas históricas que son incumpridas ano tras ano, demostrando que os compromisos quedan no papel”.