Begoña Rodríguez Rumbo sinala a “vergoña” dos galegos e as galegas ao “ver ao ex presidente Feijóo” intentando “boicotear” a chegada de fondos da UE a España
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle á Xunta que dea conta da xestión dos 2.427 millóns de euros asignados a Galicia polo Estado dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Rodríguez Rumbo presentou unha moción no Pleno do Parlamento logo do anuncio do presidente da Xunta gabándose de ter mobilizado a totalidade dos fondos recibidos.
Rodríguez Rumbo lamentou o voto en contra do PP, que impediu que esta iniciativa fora aprobada para evitar que o goberno galego explique como ten materializado as axudas comunitarias entregadas polo Estado.
Lembrou que o PP votou en contra destes fondos que supoñen un investimento de 2.868 millóns de euros solo para Galicia, a quinta comunidade autónoma que máis partidas recibiu en todo o Estado entre 2021 e marzo de 2023, dos cales 1.276 corresponden á xestión directa da Comunidade Autónoma.
O presidente da Xunta ten recoñecido que Galicia recibiu xa 1.122 millóns de euros, e asegura que ten mobilizado o 100 por cen dos fondos. Esixiulle ao goberno galego que explique a xestión destes 1.122 millóns de euros, entregados por parte do Estado a través dos fondos do mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que dea conta de como se materializan estes fondos na axuda aos sectores que os precisan.
Vergoña
A parlamentaria socialista apuntou á “vergoña que sentimos tódolos galegos e galegas” ao ver ao o ex presidente de Galicia Feijóo “boicotear e intentar por tódolos medios” que estes fondos non chegaran a España e a Galicia “coa complicidade do PPdeG”, seguindo a mesma liña do seu predecesor, Pablo Casado.
Lembrou que a propia presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, tivo que saír en repetidas ocasións en persoa a “aplaudir unha e outra vez a xestión de España dos fondos comunitarios”. A mesma que, dixo, cancelou sen data a xuntanza prevista co presidente da Xunta na que este “ía criticar e falar mal da xestión de España, un dos actores principais para habilitar estes fondos e que está liderando a súa xestión”.
A negativa do PP coa complicidade do PP galego chega ao punto de que mesmo votaran en contra da reforma das pensións da que dependía a última entrega de fondos, e que supuxo a suba dun 8,5 por cento da prestación para tódolos xubilados e pensionistas ao nivel do IPC.