Lara Méndez considera “inaudito e vergoñento” que os concellos teñan que pagar polo uso dos terreos e asumir o seu mantemento mentres Portos cobra e pon trabas polo uso aos que non son do PP
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe ao goberno galego que resolva a transferencia dos terreos de Portos que xa non teñen uso portuario a favor dos preto de 30 concellos afectados en toda Galicia. A responsable socialista criticou que o PP rexeitara hoxe a proposición non de Lei do PSdeG na que lle reclamou á Xunta que axilice os trámites para reverter a titularidade destes terreos que suman medio millón de metros cadrados.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que aproveite a transferencia da xestión do litoral a favor da Comunidade Autónoma para resolver as peticións dos concellos que agora “teñen que ir como churros, un tras outro”. Explicou que logo de anos paralizando a xestión e desatendendo á iniciativa socialista aprobada no Parlamento en 2020, o conselleiro do Mar tense reunido coa Fegamp recentemente e iniciaron o procedemento en Cangas, Vilanova, Foz, A Guarda ou Oleiros.
Advirte que “seguimos preocupados” logo de que o PP decidira hoxe volver a rexeitar esta iniciativa que previamente tiñan aprobado no Parlamento no ano 2020, e que deixaron sen atender ata que este mesmo ano reanudaron as xuntanzas coa Fegamp.
Inaudito e vergoñento
A responsable socialista tildou de “inaudito e vergoñento” que ao tempo que os concellos teñen que pagar, se vexan obrigados a asumir o mantemento duns terreos que son titularidade de Portos, que pola súa banda “ralentiza ou pon trabas” para que os concellos poidan facer uso destes terreos “cando non son do PP”.
Puxo como exemplo casos concretos como o de Cariño, que ten a Casa Consistorial en terreos portuarios, ou Foz, que ten que pagar case 100.000 euros ao ano pola ubicación da piscina municipal, a depuradora de augas ou polo uso dos terreos para a festa de Carnaval, a festa normanda ou as festas patronais.