Begoña Rodríguez Rumbo acusa á Xunta de impoñerlle cargas inasumibles aos concellos, como o canon da auga, o SAF ou a xestión de escolas infantís
A viceportavoz do Grupo Socialista empraza á Xunta a poñer ao servizo do Estado recursos para apoiar á poboación marroquí logo do terremoto de Marrakech
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiulle hoxe á Xunta que “acaben coa política de postureo e axuden aos concellos” asumindo a “súa obriga e competencia”. A responsable socialista acusou ao goberno galego de sobrecargar ás entidades locais con xestións competencia da Xunta sen incrementar os recursos, obrigando a desatender políticas municipais.
A responsable socialista sinalou á pregunta oral que os socialistas levarán ao Pleno que comeza mañá na que se dirixirán á conselleira de Infraestruturas para reclamarlle que acorde cos concellos a xestión do ciclo integral da auga. Acusou á conselleira de esquivar a súa responsabilidade “dicindo que é competencia dos concellos” logo de que en 2022 aprobaran de forma unilateral unha Lei que está a provocar unhas cargas inasumibles para os concellos.
Sinalou que “non nos parece de recibo” que concellos como Gondomar, con 7 millóns de euros de Orzamento, teña que asumir unha factura de 200.000 euros para pagar o canon de depuración durante só 4 meses. Emprazou á conselleira a “sentarse coa Fegamp” para “ver como afrontan un problema fundamental” para os 313 concellos galegos, e que “deixen de escudarse en quen ten a competencia”.
Neste sentido, criticou a estratexia da Xunta de descargar nos concellos competencias propias do goberno autonómico sen entregar fondos adicionais, como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar ou as Escolas Infantís. Advertiu que con esta práctica “arrastran” aos concellos a dedicar uns orzamentos “xa de por si cativos” para asumir competencias impropias, e “deixando de aplicar políticas que si son plenamente municipais”.
Criticou a “falla de compromiso” do goberno galego cos concellos, nunha “política de postureo” que deixa de lado a crise demográfica, máis alá de presentar unha Lei específica sen recursos suficientes. Esta situación levou a Galicia a perder en apenas 10 anos máis de 91.000 habitantes, unha poboación equiparable á da capital galega, e que a sitúa entre as autonomías con peor evolución na poboación.
Rodríguez Rumbo lamentou a falla de compromiso do goberno galego na defensa dos servizos públicos, provocando o recorte da sanidade pública, que afecta sinaladamente aos concellos rurais, ou o desmantelamento da educación pública. Explicou que o constante peche de unidades que provoca aulas cada vez máis masificadas, como consecuencia da falla dunha “aposta real polo ensino público” por parte do goberno galego.
Adianto electoral
A responsable socialista respondeu á entrevista do presidente da Xunta emitida esta fin de semana, na que abría a porta a un adianto electoral, para advertir que Rueda “non vai convocar eleccións en función dos intereses dos galegos e das galegas, senón do interese electoral do PP”.
Lamentou o “seguidismo” do ex presidente da Xunta, a quen Rueda “lle cede protagonismo e no acaba de asumir que é o presidente da Xunta”. Rodríguez Rumbo esixiulle que “mude a xestión” de Feijóo que “nos fixo ser menos e ter menos recursos públicos”.