Patricia Otero reclámalle ao goberno galego que acepte as emendas dos socialistas aos Orzamentos para que “sexa Besteiro como próximo presidente da Xunta quen execute a obra”
A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, esixiulle hoxe á Xunta “menos samba e máis traballar” para executar a Vía de Alta Capacidade Costa Norte, que une Ferrol con San Cibrao. Otero presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que lle reclamou á conselleira de Infraestruturas que acepte as emendas do PSdeG aos Orzamentos para que sexa “Besteiro como próximo presidente da Xunta quen execute a obra”.
A responsable socialista interveu no debate acompañada dende a tribuna de convidados polos alcaldes e portavoces socialistas dos concellos de Foz, Pontedeume, Trabada, Valdoviño, Lourenzá, Burela, Viveiro e Cedeira, que asistiron ás intervencións desta tarde.
Otero lembrou que esta obra fundamental para conectar Ferrol e San Cibrao, que fora comprometida polo goberno do PP en 2001, tan só ten dous tramos rematados, precisamente os que foran licitados no seu día polo goberno presidido por Pérez Touriño. Lamentou que o goberno galego non teña construído nada máis que as variantes de Ortigueira e Xove, que deixara licitadas o presidente socialista.
Ironizou coa falla de actuacións nesta infraestrutura cando, dixo, “o que está en obras é o argumentario do PP”, logo da resposta da conselleira de hoxe “tirando balóns fora”. Reclamou unha “resposta coherente” coas actuacións do goberno galego no norte de Lugo e A Coruña, onde hai, dixo, “cero licitado”. Esixiulle á conselleira “prazos reais para esta infraestrutura comprometida hai 22 anos” para compensar polo cambio de trazado da A-8 cara ao interior.
Reclamoulle á conselleira que “deixe as lerias” e as “desculpas de mal pagador” e desmentiu que a alcaldesa de Viveiro estea a bloquear a variante, por canto xa ten adaptado a PXOM á proposta feita dende a Xunta para realizar a variante que pasa por aquel concello da Mariña.