Begoña Rodríguez Rumbo aféalle ao presidente da Xunta que faga “seguidismo de Vox” e reclámalle que “volva ao camiño da sensatez e deixe de liderar esta campaña da crispación que vai en contra da democracia”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiulle ao presidente da Xunta unha “condena explícita” aos ataques contra as sedes socialistas. A responsable socialista interveu na sesión de control do Parlamento na que lle afeou a Alfonso Rueda que intenten quitar a referencia a estes ataques da proposta de Declaración Institucional presentada polo Grupo Socialista.
Instou ao presidente da Xunta a aceptar o texto tal e como foi proposto, subliñando a condena aos “ataques contra as sedes socialistas, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros”, logo de amosarlle unha imaxe das pintadas na sede socialista de Ferrol. Acusou a Rueda de “facer seguidismo de Vox” e de seguir coa “lúa de mel” co partido de ultradereita e preguntoulle se “está a favor dos que se plantan diante das sedes socialistas con proclamas fascistas”.
A responsable socialista fixo un chamado ao presidente da Xunta a “volver ao camiño da sensatez” e deixar de “liderar esta campaña da crispación que vai en contra da propia democracia” como está a demostrar coa súa “falla de lealdade institucional máis que preocupante”. Rodríguez Rumbo acusou ao presidente galego de seguir coa “política de confrontación” encabezada por Feijóo e “votarlle leña ao lume” do independentismo.
Lamentou que ao PP “fastídialle que o goberno liderado por Pedro Sánchez consiga que o independentismo deixe de ser un problema”, e por iso queren boicotear a “aposta por desescalar o conflito, por sacar o problema das rúas e volver á política, á vida parlamentaria e aportar solucións” como está a facer o PSOE. Lembrou que “cando máis cerca estivo Cataluña de romper co resto de España foi co PP no goberno”.
Rodríguez Rumbo criticou o “sectarismo” amosado polo PP e o presidente galego, que quere renunciar a acadar 500 millóns de euros adicionais para Galicia grazas á condonación da débeda pactada de forma simétrica para tódalas Comunidades Autónomas, como anunciou que faría a presidenta de Madrid, Díaz Ayuso.
Afeoulle que vaia prexudicar aos galegos e galegas con tal de non admitir o acordo que os 7 deputados do PSdeG acadaron no Congreso, e que suporá “máis para este país que o seu goberno durante 14 anos”. Lembrou que en base a este acordo co BNG “por fin nos imos liberar das peaxes que vostedes impuxeron aos galegos e galegas na AP-9 e na AP-53 durante 50 e 75 anos, respectivamente”.
Execución de fondos europeos
A parlamentaria socialista preguntoulle hoxe ao presidente da Xunta pola “falla de lealdade institucional, compromiso e transparencia”, dixo, que está a amosar o goberno galego coa baixa execución dos fondos europeos. Esta apenas chega mao 35 por cento no que vai de 2023 de acordo cos datos oficiais da propia Xunta de Galicia, e que en 2022 tamén foi dun terzo do disposto para Galicia.
Alertou da “incompetencia” amosada pola Xunta de Galicia na xestión destes 1.421 millóns de euros conseguidos por Sánchez e que Feijóo “intentou boicotear en Europa”. Unha partida, dixo, que “non sabemos en que os está a executar” o goberno galego. Aludiu aos fondos do Plan de Recuperación transferidos a Galicia, que se suman aos 440,86 millóns de euros dos fondos REACT-EU para fortalecer o Estado do Benestar, blindar os servizos públicos e reactivar a economía.
A responsable socialista emprazou a un futuro goberno galego encabezado polo socialista José Ramón Gómez Besteiro para mudar a xestión amosada polo PP e implantar un “exemplo de transparencia, compromiso e lealdade institucional, con traballo e moderación” como sinal de identidade do “cambio necesario” para Galicia.