Patricia Iglesias advirte que rexeitar a proposta do Goberno “porque tamén beneficia a outras comunidades é como renunciar a que che perdoen a hipoteca porque tamén lla perdoan ao veciño”
O Grupo Socialista vén de esixirlle Rueda que acepte a condonación de máis de 4.000 millóns de débeda pública. A deputada Patricia Iglesias defendeu esta mañá no pleno do Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a acollerse á proposta do Goberno, que significaría reducir nun terzo a débeda de Galicia.
A parlamentaria socialista explicou que, aínda que o actual modelo de financiamento autonómico, aprobado baixo o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, “foi beneficioso para Galicia”, 15 anos despois a realidade é distinta, e, por tanto, “é necesaria a súa reformulación”. Así, dentro do debate sobre as diferentes pancas de financiamento que se poden empregar, a proposta de condonación de parte da débeda autonómica “serve para dotar de máis recursos económicos ás comunidades”.
De feito, defendeu Iglesias, “é enormemente máis ambiciosa que calquera proposta que se formulase antes”, pese ás interpretacións “conflitivas e destrutivas” que o PP fixo dela. “Supera todas as previsións previamente establecidas en contías e formato”, subliñou, e lembrou que atende ao criterio de poboación axustada, e dicir, “contabiliza as dificultades para ofrecer servizos á poboación, algo que para Galicia é determinante”.
A comunidade autónoma, que ten o 5,5 % da poboación de España, recibiría un 6,7 % dos fondos que prevé habilitar o Goberno central, e dese xeito teríanse en conta “as características singulares” da comunidade. Trátase dunha proposta “enormemente ambiciosa”, asegurou. Por iso, lamentou o “ataque furibundo do PP” á medida, tanto desde a oposición en España como desde o Goberno na propia Galicia, o que cualificou de “erro enorme” sustentado en “escusas e máis escusas de mal pagador que ninguén entende”.
Patricia Iglesias detallou que, “lonxe das especulacións e dos intentos de transmitir que Galicia vai ser maltratada”, o modelo que propón o Goberno para a condonación da débeda inclúe, ademais do citado cómputo sobre a poboación axustada, “criterios de solidariedade e equidade”. Ademais, “lonxe das patrañas de que sistema de financiamento e condonación se abordarían só nalgunhas comunidades, a proposta diríxese a todas as do réxime xeral”, dixo, ademais de remarcar que “non se priorizan territorios, senón a solvencia financeira das comunidades e a dotación de servizos públicos esenciais”.
De acordo con eses criterios, chamou a atención sobre varios datos, como que, mentres que a condonación para Galicia ascendería ao 33 % da súa débeda, no caso de Cataluña sería do 20 %. Dese xeito, “se é boa para Cataluña, aínda é mellor para Galicia”, apuntou. Tamén lembrou que a autonomía á que se lle condonará máis débeda en termos absolutos é Andalucía, gobernada polo PP (case 19.000 millóns), e en porcentaxe, Canarias, tamén do PP, cun 50 %. En termos per capita, as comunidades máis beneficiadas serán Andalucía, Valencia e Murcia, todas do PP. Porén, Galicia sitúase por enriba da media, “e, polo tanto, é das máis beneficiadas”.
“Negarse a aceptar a quitación porque outros tamén saen beneficiados é como non aceptar unha quitación da hipoteca porque ao veciño tamén lle fan a mesma oferta”, recriminoulles Iglesias aos populares. Pola contra, insistiu nos beneficios de acollerse a ese mecanismo: “A débeda baixará 4.000 millóns nas contas públicas de Galicia, e negar iso é mentir. Así, a Xunta poderá reducir amortizacións e terá 4.000 euros menos que devolver, e non pagará xuros por eles”.
Finalmente, salientou que negociar financiamento e débeda “non son cuestións incompatibles, senón complementarias”. “A condonación é o primeiro e necesario paso para avanzar na negociación do sistema de financiamento autonómico”, afirmou para instar á Xunta a aceptar a quitación en lugar de “facer seguidismo de Feijoo” e cometer “un erro histórico.