Carmen R. Dacosta critica as “escusas de mal pagador” da Consellería para persistir nunha “decisión totalmente desacertada que ten que ser reconsiderada”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle hoxe á Consellería de Política Social que reforce o persoal do Centro Sociocultural de Pontepelamios, no ourensán barrio das Camelias, para que poida abrir nas fins de semana e festivos. A responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Política Social que se celebrou hoxe no Parlamento para reclamarlle ao goberno que “reconsidere unha decisión totalmente desacertada”.
Dacosta levou ao Parlamento a petición dos veciños e veciñas, que salientan a importancia deste centro para as persoas usuarias, en boa parte xente maior, xa que é un dos dous cos que conta toda a cidade. Alertan de que a oferta coa que conta o centro foise reducindo de maneira paulatina ata ter que pechar nas fins de semana e festivos pola escaseza de persoal co que conta, tan só a directora, unha traballadora de limpeza, en situación de incapacidade temporal, e un peón.
A responsable socialista apunta que no seu momento a decisión de abrir só durante a semana foi tomada como unha “moi mala noticia” para os usuarios e usuarias, e evidencia que precisa dun reforzo do persoal e da actividade “para cumprir cos obxectivos para os que foron creados os centros socioculturais”. Reclamou un Plan de actividades mensual e anual que afronte as necesidades das persoas que o utilizan, así como a reapertura da cafetería do centro.
Advertiu da urxencia deste servizo precisamente na cidade de Ourense, onde o goberno municipal “botou por terra o campo dos servizos sociais e a dinamización cultural, dándolle as costas aos maiores, pechando a Universidade popular ou o comedor sobre rodas”. Engadiu o baleirando de contido dos centros cívicos” que puxera en marcha o goberno local cando a socialista Marga Martín era a concelleira responsable.
Explicou que a Rede Galega de Centros Sociocomunitarios conta cun total de 44 centros, dos cales só dous se atopan na cidade de Ourense. Estas instalacións debería contar con cafetería, sala de prensa, animación sociocultural e sala de informática, ademais dunha sala polivalente, que permiten cumprir os obxectivos de potenciar a participación, fomentando actividades de uso e participación compartida, fomentando a autonomía e a vida social saudable das persoas maiores.