Julio Torrado leva ao Parlamento o “caos organizativo” da área sanitaria, provocado pola “dificultade da xerencia de chegar a acordos e entendemento co persoal”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir o cese da xerente da área sanitaria Santiago – Barbanza, Eloína Núñez, logo da dimisión do xefe de Xinecoloxía do Hospital de Santiago. Torrado emprazou ao conselleiro de Sanidade para que tome a decisión e “demostre que non está atado”.
O responsable socialista sinala que esta nova renuncia súmase á dimisión do xefe de servizo de Medicina Interna, ou aos problemas da dirección para xestionar a situación de servizos como Raios, Otorrino ou Urxencias. Este “caos organizativo” da área sanitaria ten como denominador común, sinala, a “dificultade da xerencia de chegar a acordos e entendemento co persoal”.
Este escenario vén sendo reiterado nos problemas que se veñen dando, cando todos eles remiten a unha “tensión evidente” entre profesionais sanitarios dos distintos servizos e a xerencia, que “pretende impoñer os seus criterios”. De aí, apunta Torrado, as coñecidas acusacións dos profesionais sobre a “imposición” das decisións, chegando incluso a falar de “ameazas” na relación cos traballadores e traballadoras.
A dimisión do xefe de Xinecoloxía, sinala, é a gota que colma o vaso da situación insostible na área sanitaria e que só pode resolverse coa renovación da dirección da xerencia “para dotar á área dun novo equipo que retome a relación natural cos profesionais e servizos asistenciais, co fin de optimizar o funcionamento do sistema”.
O parlamentario socialista explica que o caso do servizo de Xinecoloxía repite patróns xa sucedidos en casos semellantes, que “evidencian tanto o erróneo deseño do sistema de xestión de recursos humanos para atender aos hospitais comarcais como as dificultades dalgúns equipos directivos para xestionar o sistema que teñen a cargo”.
Este caso repite os patróns de outros servizos como atención primaria ou urxencias extrahospitalarias, e resulta “paradigmático” das consecuencias da “inmobilidade” da dirección do Sergas, Consellería de Sanidade e goberno de Galicia. Este proceder resulta “alarmante”, ademais de que “non permite desenvolver as medidas necesarias para optimizar o funcionamento dos servizos”.
O Grupo Socialista reclámalle ao goberno galego que impulse “medidas reais e eficaces” que melloren as condicións laborais dos profesionais que ocupan prazas en tódolos hospitais comarcais, así como “devolverlles autonomía de xestión” a eses centros para que poidan “implementar medidas específicas”.