Paloma Castro denuncia no Pleno do Parlamento a falta de cobertura durante as vacacións da pediatra e reclama unha atención sanitaria digna para os máis pequenos do municipio
A denuncia súmase á campaña socialista de críticas polas carencias en Atención Primaria en toda Galicia
Durante o Pleno do Parlamento, a deputada socialista Paloma Castro denunciou a grave situación que enfrontan os nenos e nenas do concello de Cerdedo-Cotobade debido á falta de cobertura polas vacacións da pediatra no centro médico de Tenorio. Na súa intervención, Castro reclamou que o goberno autonómico garanta a atención sanitaria adecuada aos menores do municipio.
“Xa sabemos que a Atención Primaria non lle gusta nin ao conselleiro de Sanidade nin a Rueda, e esta é outra mostra máis do seu desprezo cara aos servizos básicos de saúde. Os nenos de Cerdedo-Cotobade non poden enfermar en agosto porque a Xunta decidiu non cubrir as vacacións da pediatra”, afirmou Castro durante a súa pregunta oral no Pleno ao responsable da Consellería de Sanidade.
A deputada socialista sinalou que esta decisión está a obrigar ás familias a desprazarse a concellos veciños, como Forcarei, onde só hai atención pediátrica un día á semana, ou a Pontecaldelas e hospitais en Pontevedra, o que afecta gravemente a continuidade da atención médica dos menores.
En resposta a esta situación, a deputada presentou varias iniciativas parlamentarias esixindo ao goberno galego que garanta a cobertura do persoal sanitario en Cerdedo-Cotobade e que dote ao PAC dunha ambulancia que permita atender as urxencias graves e trasladalas ao Hospital de Montecelo.
Paloma Castro sinalou que “os nosos compañeiros e compañeiras do Grupo Municipal socialista de Cerdedo-Cotobade, que aproveito para saudar porque hoxe nos acompañan no hemiciclo, levan moito tempo denunciando a situación de abandono na que se atopa a asistencia sanitaria neste concello, e que por extensión nós trasladamos tamén ao Parlamento, sen que nin o señor Cubela, alcalde deste concello, o esixa, nin o goberno da Xunta leve a cabo ningún tipo de actuación para mellorala”.
A deputada insistiu en que “o que queremos, señor Conselleiro, é que non existan en Galicia cidadáns de primeira e de segunda, que todos conten cos mesmos dereitos, e o de atención sanitaria é un dos prioritarios. Falan vostedes de políticas orientadas a evitar o despoboamento do rural e despois restrinxen nestes territorios servizos fundamentais como o sanitario, a educación ou o transporte. Insístolle: supla con carácter urxente o déficit sanitario que presenta o Concello de Cerdedo-Cotobade”.
Esta intervención forma parte das múltiples críticas que os socialistas están a realizar contra a xestión da Xunta en materia de Atención Primaria. “O que ocorre en Cerdedo-Cotobade non é un feito illado, é unha mostra máis do abandono da Xunta cara aos servizos básicos de saúde, que se repite en toda Galicia”, engadiu Castro.