A deputada Patricia Iglesias lamentou como “unha gran oportunidade perdida para o noso país” o proxecto de lei que hoxe se debateu no Parlamento galego
A portavoz de Industria do Grupo Socialista resumiu o proceder da Xunta como unha continua “improvisación, privatización e falta de transparencia”
“A realidade é que de ser a primeira potencia eólica agora estamos na cuarta posición logo de dezaséis anos perdidos”, lamentou
“Unha gran oportunidade perdida para o noso país”. Así cualificou a portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, o proxecto lexislativo a través do que o PP pretende “colocar por lei a privatización dos recursos naturais de Galicia. A norma cumpriu hoxe no Parlamento o seu último trámite, “tarde, mal e a rastro, logo de 16 anos do Partido Popular gobernando”, criticou.
Iglesias ve na norma un “totum revolutum” de modificacións de outras leis xa existentes, “revolto todo coma nunha cocteleira” na que se mesturan cuestións medioambientais, de xestión empresarial, de coidado dos montes, de modelo enerxético ou de mineiría. Trátase, dixo, dunha compliación de temas “sen orde” e moi lonxe do que necesita a comunidade autónoma, que é unha lexislación “ambiciosa, ordenada e sensata”.
Denunciou tamén que os populares rexeitaron as emendas a través das que o Grupo Socialista quería, por unha banda, subsanar “unha deficiente técnica lexislativa” que converte o texto nunha “ensalada de contidos” e, por outra, aspiraba a impulsar a participación pública, tal como sinala a nova directiva europea de renovables. Pero máis alá das emendas formais, a deputada sinalou eivas de fondo para as que tamén se propuxeron modificacións que o PP rexeitou. Entre elas, citou a “falta de planificación e ordenación das zonas aptas e non aptas, con criterios de sustentabilidade ambiental”, onde se poderán executar os proxectos, dado o recente “desenvolvemento desordenado e masivo”, tras “anos de inacción” provocados pola anulación do concurso eólico do Goberno de Emilio Pérez Touriño.
Tamén se referiu á “falta de avaliación rigorosa dos efectos medioambientais e socioeconómicos” dos proxectos, que deberían analizarse “por separado”. A iso engadiu a “opacidade” na creación da sociedade mixta Recursos de Galicia, fronte á empresa “100 % pública” que defenden os socialistas. Nese senso, acusou á Xunta de “improvisación” á hora de poñer en marcha a súa “derradeira ocorrencia”, como é unha comercializadora e produtora de enerxía “que nin é pública, nin é social, nin abaratará a factura da luz a todos os galegos e galegas”, ao contrario do que anunciou o Goberno galego. “Sempre improvisación, privatización e falta de transparencia”, resumiu.
Patricia Iglesias advertiu tamén da “deficiente e pouco ambiciosa” regulación das comunidades enerxéticas de autoconsumo que figura no texto legal, unha circunstancia que se reproduce no ámbito da minería.
A deputada socialista cargou contra o “abuso soberbio e altivo” da maioría absoluta por parte do PP, que, “con cero autocrítica”, rexeitou iniciativas do PSdeG para logo “copialas mal”, afondando na inseguridade xurídica, no proxecto de lei de acompañamento dos Orzamentos o pasado sábado. Iso significa “unha autoemenda do Goberno galego á súa propia política enerxética”, ademais dun “desprezo absoluto” polo Parlamento.
Como exemplo do proceder “pouco transparente e pouco institucional” do Goberno popular puxo a visita da conselleira Ángeles Vázquez a Bruxelas para, presuntamente, buscar solucións á parálixe da eólica, pendente dunha cuestión prexudicial que debe resolver o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
“Sorprenseu porque o TXUE está en Luxemburgo, e a dirección dos serizos xurídicos da Comisión non ten posibilidade de accionar o trámite de urxencia para que se resolva axiña a cuestión prexudicial”, subliñou antes de cualificar de “pouco serio, opaco e cero transparente” o que vén sendo o “modus operandi habitual do PP: pensar que as cousas se poden solucionar pola porta de atrás, de costas á cidadanía”.
O sector eólico “aínda arrastra a decisión nefasta, caprichosa e partidista de Feijoo”
Iglesias botou a vista atrás sobre os anos de Gobernos do PP respecto das renovables, cun sector eólico que “aínda arrastra a decisión nefasta, caprixocha e partidista de Feijoo” de paralizar o concurso eólico do Goberno de Touriño cando chegou á Xunta no 2009.
Esa medida eliminou “dun plumazo” o desenvolvemento de 2.325 MW, investimentos por valor de 5.000 millóns de euros e numerosos postos de traballo cualificados, e ademais derivou no pago de 200 millóns para indemnizar a promotores. “A realidade é que de ser a primeira potencia eólica agora estamos na cuarta posición logo de dezaséis anos perdidos”, lamentou.