Julio Abalde esíxelle ao goberno galego que poña en marcha as instalacións que ten en desuso e utilice os coñecementos técnicos dispoñibles para crear unha rede de centros de produción de semente de moluscos
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, denunciou hoxe que o Plan de Sustentabilidade e Rexeneración do sector marisqueiro anunciado pola Consellería do Mar é un “brinde ao sol de accións desconexas”. Así o dixo logo de que o PP rexeitara na Comisión de Pesca unha proposta do Grupo Socialista para aproveitar as instalacións en desuso e os técnicos que traballan para o goberno galego e a súa experiencia para crear unha rede de centros de produción de semente de moluscos.
O responsable socialista advertiu que o goberno galego “lamentablemente non ten un Plan nin un estudo científico” que sustente os anuncios da Consellería, máis alá dunha “recopilación de accións puntuais a salto de mata”. Esixiu “medidas claras que poidan ser positivas para o sector marisqueiro” e que permita afrontar e resolver a caída drástica da produción de bivalvos nas rías galegas dos últimos anos.
Abalde propuxo o aproveitamento de instalacións actualmente en desuso, como é o caso do criadeiro de Camariñas, que supuxo un investimento de 1,2 millóns de euros de fondos Feder e que estivo en funcionamento ata o ano 2011, chegando a producir 16 millóns de sementes ao ano, e que neste momento atópase “pechado e abandonado”.
Pediu que as instalacións do porto de Camariñas se poñan en marcha baixo a coordinación, dirección e asesoramento científico – técnico do Persoal do CIMA, sinaladamente da plana de cultivos mariños de Ribadeo -Lugo-, e do Centro de Investigacións Mariñas de Vilanova de Arousa.