Begoña Rodríguez Rumbo acusa ao goberno galego de seguir a “liña neoliberal de recortes” da anterior crise financeira
O director xeral de Fondos Europeos confirma que a Xunta publicou convocatorias por importe de 833 millóns, dos que menos de 600 foron adxudicados e apenas 300 pagados, moi lonxe dos 1.276 millóns transferidos polo Estado
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiulle hoxe á Xunta que presente un informe de execución dos fondos do Plan de Recuperación aprobado polo goberno logo da pandemia. A deputada socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que sinalou que a pesar de que o presidente Rueda anunciou que mobilizaría o 100% dos recursos, “mobilizar non é o mesmo que executar”.
Rodríguez Rumbo lembrou que o goberno transferiulle á Xunta 1.276 millóns de euros para a súa xestión directa, que o presidente da Xunta afirmou que xa foran mobilizados. Sen embargo, o director xeral de Fondos Europeos e Cohesión, Angel Luis Tarrío, confirmou hoxe que “no balance conxunto” do Plan de Recuperación a Xunta publicou convocatorias por importe de 833 millóns, máis da metade foi ingresado, menos de 600 millóns de adxudicacións, e “dos que se pagaron 300 millóns”.
Estas contías están moi lonxe dos 1.276 millóns de euros que o goberno galego recibiu ata marzo de 2023 para a súa xestión directa, e que forman parte dos 2.868 millóns de euros destinados a Galicia dentro do Plan de Recuperación. Rodríguez Rumbo afeoulle á Xunta que, a pesares destas cifras, votaran en contra de tódalas medidas do goberno central que, precisamente, marcaban distancias coa saída neoliberal e de recortes decidida pola dereita durante a anterior crise financeira.
A parlamentaria socialista puxo en valor os avances impulsados polo executivo de Pedro Sánchez, que supuxeron melloras na vida de milleiros de persoas, e que contaron todas elas coa oposición do Partido Popular. Falou das axudas a pemes, da reforma laboral, do establecemento do ingreso mínimo vital ou a revalorización das pensións públicas, entre outras.
Do mesmo xeito, dixo, que os socialistas “poñemos ás persoas no centro das políticas” en contraposición das “políticas neoliberais do PP, que se basea en recortes que deprimiron a economía”.
Lembrou que Galicia foi a quinta Comunidade Autónoma en recibir máis fondos do Estado ata marzo de 2023, ademais de que participa en 8 dos 12 Pertes postos en marcha, que beneficiaron a 171 proxectos industriais beneficiados con case 200 millóns de euros, e financiará a máis dun centenar de novos proxectos.
Consello de Contas
Lembrou que o informe de fiscalización realizado polo Consello de Contas constata que a xestión da Xunta adoece de “falla de planificación, seguimento, transparencia e de rendición de contas”. Este informe, que analiza os fondos do Plan de Recuperación despregados nos anos 2021 e 22, constata que “mentres a Xunta gastaba esforzos en criticar ao goberno de Pedro Sánchez con calquera escusa, non traballaba para xestionar os fondos co rigor requirido”, dixo.
A parlamentaria socialista contrastou a resposta dos recortes que encabezou o PP en toda Europa na anterior crise financeira coa resposta social á crise da covid e da guerra de Ucraína, que liderou España para despregar un paraugas social que permita “saír a todos e todas xuntos o máis axiña posible sen deixar a ninguén atrás”.
Rumbo insistiu nos acordos social demócratas que o presidente Sánchez acordou no Consello Europeo garantindo unha resposta europea coordinada para facer fronte ás consecuencias sanitarias, económicas e sociais da pandemia. Medidas que son unha clara diferencia ao que pasou na crise financeira que provocou “moita dor social” e deixou a persoas e empresas “na cuneta” con políticas neoliberais de “desmantelamento do Estado do Benestar”.
Afeoulle ao PP que a súa resposta teña sido votar en contra de tódalas medidas positivas para a cidadanía, con visitas de Casado, Feijóo e Rueda a Bruxelas para criticar a acción do goberno de España, que provocou o histórico plante da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, ao presidente galego na súa última viaxe.
Grazas ás medidas aplicadas polo goberno de Pedro Sánchez, España tense consolidado como a terceira economía da Eurozona co IPC máis baixo, mentres a OCDE aumenta as previsión de crecemento do país para 2023, cun avance que duplicará ao da zona Euro este mesmo ano.
PROGRAMA DE ADMINISTRACIÓN LOCAL
A portavoz de Facenda e Administración Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, sinalou ademais que a Xunta deixou sen executar un total de 6 millóns de euros do total de 20,66 de crédito consolidado co que contaba o programa 141A de Administración Local. A responsable socialista presentou outra pregunta oral na mesma Comisión diante da “falla de vontade política” do goberno galego por mellorar a situación dos entes locais.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de deixar sen gastar o 30,7 por cento do orzamento dispoñible neste programa, tal e como sinalan os datos de execución orzamentaria correspondentes ao ano pasado feitos públicos o pasado 30 de marzo. De acordo con eses datos, puntualizou, a Xunta foi “incapaz de executar un total de 1.500 millóns de euros” dos que dispoñía nos Orzamentos para todo o ano.
Criticou que o goberno galego teña responsabilizado hoxe a “incidencias imputables aos concellos” da falla de execución destas partidas, inmediatamente despois de responsabilizar ao Estado de que a Xunta leve 14 anos bloqueando o Pacto Local, que permanece conxelado nos 112,9 millóns de euros. Lamentou que a Xunta responsabilice ao mesmo tempo ao Estado e aos concellos para esquivar as súas propias responsabilidades.
Denunciou a “falla de vontade política” do goberno galego por apoiar aos entes locais, aos que queren “seguir castigando por sectarismo” ao “premer o botón vermello” contra o desbloqueo e mellora do Pacto Local que vén pedindo a Fegamp de forma unánime, mesmo co apoio dos rexedores que pertencen ao PP.
Lembrou que o último incremento da partida do Fondo de Cooperación Local tivo lugar durante o goberno do socialista Touriño, que o incrementou en 24 millóns de euros, para o que non foi necesaria ningunha modificación lexislativa por parte do Estado. Reclamou un incremento do Fondo de Cooperación Local con partidas incondicionadas que garantan a equidade e a transparencia para os concellos en función da súa necesidade independentemente da súa cor política.