Laura Fernández Abalde, activista de Dereito a Morir Dignamente, denuncia o sufrimento de quen espera unha resposta á súa solicitude de eutanasia
O Grupo Socialista impulsa unha iniciativa no Parlamento para que ninguén máis morra agardando exercer o seu dereito”
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia levará ao próximo Pleno unha batería de iniciativas rexistradas o pasado mes de setembro, co obxectivo de garantir unha tramitación áxil e respectuosa da eutanasia en Galicia. Unha medida que busca poñer fin á burocracia asfixiante e ao sufrimento innecesario ao que se enfrontan persoas en situacións límite, nun proceso que debería respectar a súa dignidade e a súa decisión persoal de morrer en paz.
A situación de Laura Fernández Abalde, activista e defensora do dereito a unha morte digna da Asociación Dereito a Morir Dignamente, conmóvenos profundamente, explicou Elena Espinosa, voceira de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista. Laura ten o valor e a determinación de denunciar publicamente as demoras e os obstáculos que sufre na súa propia loita por acceder a este dereito recoñecido na Lei Orgánica 3/2021.
A súa voz, clara e firme, pon de manifesto un problema real e doloroso ao que moitas outras persoas se enfrontan en silencio.
Laura non é un caso illado. É a voz de ducias de galegos e galegas atrapados nunha burocracia que, en lugar de apoiar e respectar, está a fallar nas súas promesas de dignidade. Segundo datos do Servizo Galego de Saúde, o 35,1% das persoas que solicitaron a eutanasia en Galicia morreron esperando unha resposta.
Son persoas que, habendo exercido o seu dereito a unha morte digna, atopáronse cunha administración que non respondeu a tempo. “Este é un feito gravísimo que evidencia a falla de compromiso da Xunta de Galicia coa aplicación efectiva dun dereito recoñecido pola lei”, denuncia Espinosa.
A Lei Orgánica 3/2021 de regulación da eutanasia outorga ás persoas o dereito de solicitar axuda para morrer de xeito digno, e establece procedementos e garantías para a súa aplicación. En Galicia, esta lei vese apoiada tamén pola Lei 5/2015, que vela polos dereitos e a calidade de vida das persoas enfermas terminais. Non obstante, a realidade amosa que as garantías legais non se están a cumprir, e o procedemento burocrático impón unha traba innecesaria que prolonga o sufrimento de persoas en situacións extremadamente vulnerables.
“Laura, como activista, merece o noso recoñecemento por dar visibilidade a unha loita que moitos galegos e galegas viven en silencio. A súa valentía é un chamado á reflexión e á responsabilidade”, explicou a viceportavoz dos socialistas na Cámara Galega. Non se trata de casos illados, senón dun problema sistémico que non pode ser ignorado. Urxe que a Xunta de Galicia actúe para facer que o proceso sexa máis áxil e que ningunha persoa vexa vulnerado o seu dereito a unha morte digna debido a demoras evitables.
Dende o Grupo Parlamentario Socialista, demandamos que a porcentaxe de persoas que falecen sen recibir resposta á súa solicitude de eutanasia tenda a cero. O Parlamento de Galicia debe instar á Xunta a tomar medidas inmediatas para corrixir esta situación inxusta e garantir que se respecte a dignidade e autonomía de todas as persoas, tal como establece a lei.
Elena Espinosa pide á Xunta que poña fin a este problema: “O caso de Laura é un exemplo que debería remexer as conciencias de quen ostenta a responsabilidade pública. Non podemos tolerar que se ignore o sufrimento de quen solicita este dereito con dignidade e valentía. A Xunta de Galicia ten a obriga moral e legal de responder con axilidade e humanidade”.