Martín Seco insta ao goberno galego a “reconfigurar” o modelo eólico “democratizando o sistema” e evitando que “as grandes empresas campen as súas anchas”
O responsable de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, denunciou a “falla de participación e transparencia” da Xunta na xestión desenvolvemento eólico en Galicia. Seco instou ao goberno galego, nunha pregunta ao conselleiro de Industria durante o Pleno do Parlamento, a “reconfigurar” o modelo eólico “democratizando o sistema” e evitando que “as grandes empresas campen as súas anchas”.
O responsable socialista lamentou que a Xunta, en vez de “escoitar” a veciñanza, aos concellos e ao rural para “equilibrar a balanza” entre veciñanza e empresas; “vaian da man das grandes eólicas que logo fichan a ex compañeiras do PP”, en alusión á contratación da ex-conselleira do PP Beatriz Mato por parte da empresa de enerxías renovables Greenalia. Ademais, puxo de manifesto as “mobilizacións sociais que existen por todo o territorio” contra a xestión do eólico do goberno galego.
Seco criticou a “paralización” que sufriu o sector durante case unha década, “derivada de unha falla de aposta polo sector”, da “inseguridade xurídica” así como das “políticas de bloqueo ás enerxías renovables que levaron a cabo dende o goberno do PP no Estado”. Así, recalcou que dende 2009 ata 2018 “só foron instalados 277 megavatios” en Galicia, o que supuxo “unha perda millonaria en investimentos e a paralización na creación de postos de traballo”.
O socialista subliñou que, “no 2019, a realidade fíxolles cambiar” cando “volveu ao estado e a Galicia o crecemento da potencia instalada” que chegará “este 2020 a preto dos 4.000 megavatios” no noso territorio. Neste senso, urxiu á Xunta a actuar “antes de que sexa tarde”, xa que “o sector está a experimentar un relanzamento”.
Seco urxiu á Xunta a “equilibrar” a negociación entre empresas e propietarios, “nun proceso transparente, que sexa unha ferramenta máis para loitar contra o despoboamento rural. Incidiu na necesidade de impulsar “mecanismos de transparencia e información cara os propietarios, comunidades locais e concellos, “tal e como lle piden insistentemente dende o Observatorio Eólico de Galicia”.
Por último, o socialista pediu á Consellería que “compense de forma axeitada” a veciñanza, comunidades rurais e concellos “ante a explotación dos seus recursos”. Ademais, instou ao goberno galego a establecer “unha mellor protección ambiental e do territorio” para respectar “zonas protexidas”, así como a proximidade ás vivendas.