Elena Espinosa critica o “atropelo ás formas e intento de vulneración dos dereitos do Grupo Socialista” por parte de Candia para forzar unha xuntanza da ponencia o día de hoxe sen comunicación previa nin consenso cos grupos parlamentarios
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, alertou hoxe da “deriva delirante” do PP nos traballos da Comisión de Investigación, esta vez por parte da presidenta da mesma, a luguesa Elena Candia. Espinosa denunciou o “atropelo ás formas e a calquera atisbo de cortesía parlamentaria” intentando vulnerar os dereitos do Grupo Socialista para forzar unha xuntanza da ponencia da Comisión no día de hoxe “sen comunicación previa nin consenso cos grupos parlamentarios”.
Espinosa amosou a súa sorpresa pola xestión da política luguesa á fronte deste órgano, ao que chegou “apoiándose nun suposto informe inexistente para vetar as propostas do Grupo Socialista ás normas de funcionamento” e remata “apoiándose en mentiras para adiantar un día unha xuntanza da ponencia de maneira atropelada e sobrepasando tódolos límites”. Recomendoulle que “minta un pouco menos e traballe un pouco máis, malia que non lle rente na traxectoria política no PP”.
Aludiu así ao intento desesperado da presidenta da Comisión de Investigación de convocar, con menos de 24 horas, unha xuntanza da ponencia que debera tratar as conclusións do órgano. O Grupo Socialista advertiu en todo momento que a convocatoria foi realizada de xeito irregular e sen o consenso do resto dos grupos parlamentarios, e tras comunicarlle a imposibilidade de acudir con tan pouco tempo de marxe ofreceron varias datas alternativas na semana que vén.
Os socialistas galegos presentaron un escrito á Mesa da Comisión alertando de que a convocatoria “nunca se fixo” para unha xuntanza nunha data que “nunca se acordou co resto dos grupos parlamentarios”.
Advirten que con esta xestión “provocan a imposibilidade de asistencia e participación na elaboración do ditame”, o que supón “unha nova e clara vulneración dos dereitos das e dos integrantes deste grupo parlamentario, que impide o dereito de participación política e exclúe a este grupo do debate e da elaboración das conclusións da Comisión de Investigación”.
Reclaman deste xeito “que se proceda á convocatoria formal e consensuada co resto de grupos parlamentarios da Ponencia da Comisión de Investigación, co fin de que non exista ningún tipo de discriminación aos dereitos deste Grupo Parlamentario”.
O Grupo Socialista amosa así “total dispoñibilidade para que exista acordo de reunirse tódalas veces que sexa necesario a semana que vén para poder traballar nas conclusións da Comisión de Investigación”. Advirten que “o que non se pode pretender é presionar con enganos e a través de comunicacións vía whatsapp para manter unha xuntanza con menos de 24 horas de marxe”.
Espinosa apunta que “non é maneira de proceder, non entendemos esta obsesión nin sabemos o por que desa necesidade imperiosa do PP por manipular, cunha lamentable alerxia a facer as cousas ben”. Lamenta o “desnorte” do PP da man dunha presidenta da Comisión que está a amosar unha “patolóxica tendencia ás mentiras” para acelerar os traballos da Comisión a calquera prezo, mesmo parapetándose detrás dos servizos parlamentarios.