Patricia Otero denuncia que o goberno galego “elude as súas responsabilidades” mentres as concesionarias “se enriquecen co diñeiro de todos e todas”
A portavoz de Transportes do Grupo socialista, Patricia Otero, vén de denunciar no Parlamento a “complicidade” coas empresas adxudicatarias diante do incumprimento sistemático dos contratos de transporte de viaxeiros por estrada. Otero presentou unha pregunta na Comisión de Infraestrutruras do Parlamento para reclamarlle á Xunta que cumpra coas recomendacións do Consello de Contas e garanta o cumprimento dos contratos.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de “eludir as súas responsabilidades” e renunciar a esixirlle ás empresas o cumprimento da normativa e dos contratos asinados, optando por “mirar para outro lado mentres as empresas se enriquecen co diñeiro de todos e de todas”.
Otero presentou o recente informe do Consello de Contas que apunta ás numerosas irregularidades por parte do goberno galego na xestión de transporte de viaxeiros, comezando pola súa “abdicación das competencias de inspección e control dos contratos”. Sinala que a Xunta evitou cobrarlle ás empresas o canon pola explotación do servizo ata que Contas lles requiriu os recibos, con 338 días de retraso e sen recargo porque “había acordo previo coa adxudicataria”.
Tampouco lles dan resposta ás queixas dos usuarios e usuarias, e deixan sen penalizar os procedementos de infracción abertos que son cualificados graves ou moi graves. Así o sinala un informe que é “todo un tirón de orellas” á xestión do transporte por estrada, que se suma á sentenza do Tribunal Supremo ratificando a condena do TSXG contra a Comisión Galega da Competencia, dependente da Xunta, que non sancionou ás empresas por repartirse o mercado.
A parlamentaria socialista comezou a súa intervención lembrando a protesta da Plataforma Transporte Digno de Ferrol e comarca, que esta mesma semana saía ás rúas para protestar pola perda de condicións do transporte. Este é só un exemplo do rosario de irregularidades denunciadas polos usuarios en toda Galicia pola perda de frecuencias e de liñas, que deixa á xente tirada nas paradas por prazas insuficientes, cambios de ruta, impuntualidades e buses avariados.
O mesmo sucede, dixo, nas conexións do Barbanza con Santiago ou no Val Miñor, onde “é imposible atopar praza na liña Vigo – Baiona, e que mesmo deixaron tiradas a ducias de persoas que querían volver ás súas casas no último autobús despois do prendido do alumeado de Nadal en Vigo, demostrando a súa “falla de planificación e previsión”.
Sinalou que a provincia de Lugo tampouco é unha excepción, con falta de prazas e horarios nos traslados de Lugo ata A Coruña e Santiago, ou os buses do rural, como a liña Monforte – Lugo, que ao seu paso por Láncara xa vai “chega de estudantes que no mellor dos casos teñen que ir a pé” ata a capital da provincia.