Begoña Rodríguez Rumbo sinala que priorizan a Atención Primaria, os coidados aos maiores e o acceso á dependencia, así como a o acceso á vivenda e o impulso da industria
A vicevoceira do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou unha emenda transversal aos orzamentos da Xunta para reforzar con 450 millóns de euros as políticas sociais e coa que amosan cal é a súa “alternativa de goberno”.
A deputada, que se ocupa tamén dos asuntos de carácter económico, expuxo as liñas mestras da emenda á totalidade dos gastos do proxecto de orzamentos do goberno do PP, que é coñecida como emenda transversal. Os aspectos que máis destacan son a defensa dos servizos públicos e o Estado do Benestar como son sanidade, educación ou os servizos sociais, así como aspectos socioeconómicos esenciais como a vivenda ou a política industrial. Ámbitos nos que, asegurou, se centrarán os orzamentos cara o 2025 que presentarán os socialistas “cando esteamos á fronte do goberno”.
O aspecto que máis lles preocupa da sanidade é, sen dúbida, a Atención Primaria, onde son constantes as listas de agarda de ata 15 días. Por elo, na súa emenda transversal, propoñen reforzala cun plan extraordinario de recursos humanos, reconstrución, mellora e mantemento das infraestruturas, e cunha mellora asistencial.
Así mesmo, na convicción dos socialista por unha “sanidade pública, universal e de calidade”, coa súa emenda se destinarían máis recursos para reforzar outros ámbitos como a saúde mental, fisioterapia e outras especialidades que se ven saturadas, así como para dotar de máis medios á investigación sanitaria.
Begoña Rodríguez Rumbo fixo especial fincapé na política social da que “os socialistas somos os principais impulsores”, asegurou. Amosou a desconformidade do seu grupo con que a primeira residencia doada pola Fundación Amancio Ortega vai ter xestión privada, segundo anunciou a Xunta.
PLAN DE CHOQUE VIVENDA
Con respecto ao acceso á vivenda, “un dos problemas máis importantes para a nosa cidadanía e, en especial, para a mocidade e as familias vulnerables”, apuntou, denunciou que entre 2010 e 2020 o executivo autonómico deixou 400 millóns de euros sen executar e, no 2022 deixaron sen executar o 91,2% dos fondos de acceso á vivenda, un total de 47,5 millóns de euros. Considera que estamos ante unha “absoluta incapacidade do PP para xestionar unha competencia propia e sendo a maior parte dos fondos recibidos polo goberno do Estado”.
Por elo, os socialistas propoñen un plan de choque con axudas para a mocidade e as familias vulnerables, construción de vivendas de promoción públicas “absolutamente necesarias”, máis aínda con 18.000 persoas no rexistro de demanda de vivenda pública en Galicia.
Por último, referiuse ao control e execución dos fondos Next Generation polo que preguntarán a Rueda na sesión plenaria deste mércores. “Non faltan fondos, hai máis de 1.400 millóns de euros transferidos, pero a Xunta non da conta de onde están e como se están executando eses fondos”, alegou a deputada.