A deputada Noa Díaz denuncia que a Consellería de Cultura “deixe en mínimos” a partida destinada a adquisición de fondos en galego sen mellorar a situación actual
A deputada socialista Noa Díaz defendeu hoxe en comisión parlamentaria unha proposición non de lei, que foi revocada polo Partido Popular, na que denuncia que o goberno galego non conte con ningunha estratexia para completar a rede de bibliotecas, xa que hai un 30% de concellos da comunidade que non dispoñen deste servizo. E pediu incrementar en 2023 a partida orzamentaria dedicada á adquisición de fondos en galego por parte das bibliotecas públicas.
Díaz sinalou que bota en falta un plan por parte do goberno galego para mellorar os datos que deixan a Galicia por debaixo da media estatal na porcentaxe de lectores de libros en tempo libre. Así como, artellar unha estratexia de cooperación coas administracións locais para conseguir completar co servizo de bibliotecas todo o territorio galego en 2023.
A parlamentaria quixo destacar a valoración recente da a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación en Galicia, das estatísticas anuais das bibliotecas públicas que elabora o Ministerio de Cultura, e nas que alertaba nese informe que no ano 2018 eran 75 os concellos que non dispuñan de biblioteca e, dous anos mais tarde, eran 91 concellos, unha situación que “non parece preocuparlle á administración”.
A deputada socialista sinalou que neste ano 2023 sae adiante o proxecto de bibliotecas móbiles itinerantes, que darán servizo a 20 concellos, 10 para Lugo e 10 para Ourense, pero denuncia que esta iniciativa fíxose con moito do orzamento para este exercicio que estaba destinado a todas as bibliotecas nas contas do Goberno galego, o que quere dicir que “vestimos un santo para destapar outros”, dixo.
Na súa intervención, Noa Díaz destacou que este ano quedará en mínimos a partida de investimentos dedicada á adquisición de libros en galego, que será só un 17% do que antes representaba. Esta cuestión contrasta cunha das conclusións do II Mapa de Bibliotecas, nas que se marcaban como reto “manter as medidas de apoio á produción en galego de calidade e á adquisición de recursos en galego”.
Da diagnose e conclusións do II Mapa de Bibliotecas aprobado en maio de 2022 infírese que, tal e como apunta a BAMAD, é importante que “se desenvolvan e apliquen ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos de cada punto bibliotecario”.
O Grupo Socialista insta ao goberno galego a desenvolver regulamentariamente en 2023 a totalidade da Lei 5/2012 de Bibliotecas de Galicia así como tamén lembrou e que ademais cumpran a lei 17/2006 establece na súa disposición adicional primeira que a Xunta de Galicia deberá presentar un Plan de fomento da lectura no que, ademais de contemplarse obxectivos e medidas, se determine unha periodización e o orzamento necesario para o seu desenvolvemento. Mais dezaseis anos despois Galicia segue sen contar con ese plan de dinamización da lectura “a pesar dos múltiples anuncios do Goberno galego” neste sentido.