Noa Díaz alerta de que as vías atópanse nun estado “tan lamentable que está a provocar o abandono das terras”
A Comisión de Agricultura do Parlamento aprobou hoxe unha proposta socialista para comprometer á Xunta a arranxar as pistas das concentracións parcelarias de Gorgullos e Vilabade, no Concello de Tordoia. A parlamentaria socialista Noa Díaz presentou esta iniciativa para que a Xunta asuma esta intervención, e reclamou ademais que complete en breve o resto de concentracións pendentes.
A responsable socialista urxiu a iniciar esta actuación logo de 60 anos de abandono destas pistas ata o punto de que se atopan actualmente nun estado “tan lamentable que está a provocar o abandono das terras”. Díaz explica que o Concello, cun orzamento aproximado de 2,5 millóns de euros, carece da capacidade “ben orzamentaria ou ben de xestión” para facer fronte á reparación das pistas, que resultan “fundamentais para o seu desenvolvemento económico”.
Apunta que o Concello, gobernado polo PP, “ben podería facer algo, pero se non toman ningunha iniciativa, debera encargarse a Xunta de Galicia”. Lembra que o Grupo Municipal Socialista ten pedido a reparación das pistas, e o Grupo Parlamentario tamén introduciu a actuación pola vía de emendas aos Orzamentos, pero ningunha das dúas iniciativas foron apoiadas polo PP.
Sinala que o alcalde e o delegado da Xunta se reuniron no pasado mes de xullo para analizar a proposta de reestruturación parcelaria de Castenda, pero “non sabemos se falaron das pistas das dúas concentracións que xa existen”.
A responsable socialista reclama un impulso contundente ademais ás concentracións parcelarias de Andoio e Bardaos, das que non se sabe nada, para completar a totalidade dos terreos pendentes para recuperar ou manter terra agraria e tamén para non abandonala, pero engade que “está ben executar novas concentracións, pero tamén deben manterse as que xa existen”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
-Impulsar un Plan de rehabilitación de infraestruturas de concentracións parcelarias xa rematadas.
-Realizar a comprobación do estado do firme das pistas das concentracións parcelarias xa decretadas de Gorgullos e Viladabade, no Concello de Tordoia, e proceder ao seu mantemento no caso de ser preciso”.