Noelia Otero e Noa Díaz esíxenlle á dirección que “cese a actitude irrespirable, inasumible e insoportable de acoso ás e aos profesionais da CRTVG”
Luis Álvarez critica a “persecución” dos profesionais do ente público e reivindica uns medios públicos “ao servizo de tódolos galegos e as galegas e non ao servizo do PP”
As representantes do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Noelia Otero e Noa Díaz, trasladaron hoxe o seu apoio ao persoal da CRTVG, chamado á folga o próximo luns, día 6, en protesta polas represalias contra o os traballadores e traballadoras que denuncian manipulación informativa. Así o dixeron logo da xuntanza da última Comisión antes da folga, que non se puido celebrar pola indisposición do director xeral.
Noelia Otero esixiulle á dirección da CRTVG que “cese con esta actitude inasumible e insoportable de acoso aos profesionais” do ente público, mentres a deputada Noa Díaz lamentou a suspensión, hoxe, da Comisión de control na que os socialistas galegos tiñan previsto preguntarlle á dirección do ente pola “persecución” e o “traslado forzoso” dos traballadores e traballadoras “que se negan a manipular e defenden a pluralidade”.
Luis Álvarez
O propio portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, aludiu a este feito logo da Xunta de Portavoces do Parlamento que se celebrou hoxe. Álvarez subliñou o apoio á protesta fronte á “persecución cara aos profesionais que enfocan as noticias dende un punto de vista obxectivo”, e advertiu do “ambiente irrespirable” dentro da Corporación pública “que debera de estar ao servizo de tódolos galegos e as galegas e non ao servizo do PP”.