Carlos López Font esixe equidade, transparencia e criterios obxectivos nas actuacións do ente provincial, ao que acusa de “asfixiar” aos concellos de diferente cor política
O parlamentario socialista Carlos López Font criticou hoxe a falta de ideas novas e de proxectos transformadores nos Orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2025, que “poñen o freo no ritmo de execución”. Así o dixo na comparecencia do presidente do ente provincial para dar conta diante do Parlamento dos Orzamentos para o próximo ano.
López Font afeoulle que comparecera hoxe para dar conta dunhas contas presentadas onte mesmo, antes de que sexan coñecidas pola Comisión Informativa da Deputación, e que evidencian a falta de ideas e absoluta carencia de proxectos transformadores. Sinalou que “só cambiaron nomes e logos aos proxectos” que viña aprobando o goberno de PSdeG e BNG, pero con “menos execución en proxectos de mobilidade sostible”.
Criticou que o seu principal fito sexa facer desaparecer a área de igualdade, para unilas a familia e benestar, “e iso que non gobernan con Vox”, evidenciando que “para vostedes as mulleres non precisan dunha área propia”, por moito que sexan a metade da poboación. Advertiu ademais que non teñen presentado “ningún proxecto novo a fondos europeos”, evidenciando a súa “absoluta carencia de ideas”.
Reclamou “equidade” no trato cos concellos, e un reparto de axuda “con criterios de obxectivos e transparencia”, mentres priorizan aos concellos gobernados polo PP e condenan ao resto dos gobernos á “asfixia” financeira. Afeoulle que sigan a liña marcada polo goberno galego, que mantén conxelado o Fondo de Cooperación Local dende hai 12 anos, reforzando tan só o fondo adicional “destinado a concellos do PP e a cubrir a suba de Sogama, prexudicando ao resto”.
Teatro Fraga
López Font afeoulle ao titular da Deputación de Pontevedra que teña convertido á Deputación nun “cofinanciador da Xunta de Galicia”, empregando os fondos do ente provincial para asinar a compra do Teatro Fraga de Vigo e “regalárllelo á Xunta de Galicia”. Esixiulle neste sentido que faga público o custe da operación que asinaron a cargo “fondos de tódolos concellos para abonarlle a unha entidade financeira non sei cantos millóns de euros”.